spot_img
InicioO MorrazoBueuBueu presentou unha nova edición do Festival SonRías Baixas

Bueu presentou unha nova edición do Festival SonRías Baixas

bueu-presentou-unha-nova-edicion-do-festival-sonrias-baixas

O festival, integrado nos sete “Festivais Rías Baixas”, terá lugar entre os días 4 e 6 de agosto

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistiu esta mañá á presentación do Festival SonRías Baixas, en Bueu, acompañada polo Deputado de Cultura, Xosé Leal. O festival, que terá lugar na vila do Morrazo entre os días 4 e 6 de agosto, aposta pola música, o ocio, a gastronomía e pola praia como principais atractivos. A Presidenta sinalou este festival como “emblemático, e ademais nun enclave extraordinario como é Bueu, que lle aporta ao propio Festival a súa calidade, o auténtico pracer que supoñen os seus produtos gastronómicos e a atención das súas xentes”.

Carmela Silva asegurou sentirse “moi orgullosa de todos aqueles concellos que apostan, como no caso de Bueu dende hai 14 anos, pola posta en valor da nosa autenticidade como pontevedresas e pontevedreses, do que somos, do noso talento, para que estean presentes e poidan ser gozados tanto pola propia veciñanza como por quen veñan participar desta quenda”, sinalou. Engadiu a este respecto que “quen vén por primeira vez a Bueu e ao SonRías Baixas namórase delas, quedan prendidos para sempre e iso é moi importante” porque, como afirmou, as institucións públicas deben “facer políticas que nos sitúen como referente en Galicia, España e o conxunto internacional como un lugar onde o talento ocupa todo o espazo público”.

A Presidenta asegurou que “nesta provincia está a acontecer algo moi relevante en torno á cultura, á música e ao cinema”, unha “explosión cultural que ten un enorme potencial de presente pero tamén de futuro”, razón pola que a Deputación de Pontevedra aposta pola marca Festivais Rías Baixas ou RíasBaixasFests. Esta iniciativa, que xurdiu dos propios promotores e promotoras, foi “unha idea compartida para que sete festivais da provincia de Pontevedra teñan unha promoción única e conxunta co apoio tamén dos gobernos locais de cada un dos concellos nos que se celebran”.

Sobre este último aspecto, Carmela Silva amosouse agradecida “co alcalde de Bueu, Félix Juncal, por entender que xuntos e xuntas somos máis fortes, por estar sempre aberto a propostas que suman sinerxías. Hai que aplaudir que as administracións se poñan de acordo para promover conxuntamente actividades que sinalan o camiño a seguir”, afirmou. Ademais, agradeceu ao Deputado de Cultura, Xosé Leal, o seu “enorme esforzo para que os festivais de cinema, un sinal de identidade de Bueu, traballen conxuntamente”.

No Festival SonRías Baixas 2016 actuarán grupos “extraordinarios de altísima calidade” como La Gran Pegatina, Heredeiros da Crús ou Soziedad Alkohólika, á vez que se “promove a grupos emerxentes que acabarán dando moito que falar”, sinalou a Presidenta. Os abonos e as entradas por días pódense mercar dende a propia páxina web do Festival, www.sonriasbaixas.info, ao prezo de 29,50 e 25 €, respectivamente.

- Publicidade -spot_img