O roteiro de Baiona foi o primeiro sendeiro azul de Galicia. Pontevedra é a provincia con máis sendeiros azuis de toda España
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal Almuíña, asinaron esta mañá no Concello o convenio de colaboración para impulsar o Sendeiro Litoral de Baiona, un dos once sendeiros azuis recoñecidos este ano na provincia de Pontevedra. Ambos mandatarios resaltaron a cordialidade e bo facer entre as dúas administracións para traballar conxuntamente no impulso e na mellora do patrimonio natural, cultural, paisaxístico e etnográfico da provincia.
“Todo o que ten que ver co turismo ligado á etnografía, á cultura e aos valores paisaxísticos ten cada vez máis demanda por parte dos visitantes, así que é unha obriga das administracións apostar por esta riqueza que temos na provincia”, asegurou a Presidenta. Carmela Silva salientou ademais que os once sendeiros azuis recoñecidos na provincia dan conta da excelencia de recursos turísticos que presenta Pontevedra, xa que se trata da provincia española con máis distintivos deste tipo.
O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, destacou tamén a importancia da colaboración entre administracións para mellorar o patrimonio natural, cultural e paisaxístico da provincia. Salientou que o Sendeiro Litoral de Baiona ten un gran valor, xa que foi o primeiro recoñecido en Galicia en 2011 e que é fundamental polo en valor para que “toda a xente poida gozar e coñecer esta ruta, que ten unha paisaxística e un patrimonio cultural e etnográfico tremendo”.
Segundo o acordo asinado, Deputación e Concello colaborarán na instalación de mobiliario no Sendeiro Litoral de Baiona, adecuado aos seus espazos, particularidades e percorridos, cun orzamento global de 16.659,67 €. A Deputación aporta o 80%, en concreto 13.327,74 €, mentres que o municipio achega o 20% restante, 3.331,93 €.
O tramo para mellorar pasa por todos os areais do municipio e polos portos deportivos e conecta co carreiro fluvial de Baíña ou o observatorio de aves da Foz.
SENDEIRO LITORAL DE BAIONA- ‘SENDEIRO AZUL’
A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) concedeu no 2011 o distintivo de ‘Sendeiro azul’ ao paseo litoral baionés, sendo o ‘Sendeiro litoral de Baiona’o primeiro de Galicia en recibir este recoñecemento. Tratábase da primeira vez que a ADEAC concedía estas honras a paseos litorais e Baiona lograba facerse un oco entre as doce senllas costeiras de toda España que recibiron o recoñecemento.
Os seis quilómetros de percorrido entre a praia da Concheira e o espazo natural da Foz do Miñor volveu a ser galardoado este ano co distintivo de ‘bandeira azul’.
O organismo destaca a flora e fauna existentes no traxecto, o esforzo do Concello por coidar as especies autóctonas e eliminar as invasoras, así como os servizos ao longo do percorrido como colectores e papeleiras, auga potable, botiquín, establecementos de hostalería, miradoiros ou áreas de descanso accesibles para persoas con dificultades de mobilidade. A sinalización a través de cartelería con indicacións como a lonxitude, dificultade de cada tramo, mapas, recomendacións ou suxestións en máis dun idioma e a descrición de elementos de interese histórico, monumental, cultural ou etnográfico tamén foron decisivos.
O paseo baionés comezou a construírse en 1995 e, tras contar cos informes favorables respecto do seu impacto ambiental, foi inaugurado un ano despois.