O proxecto CX- Geodron que propón desenvolver un sistema instalado en drons para detectar, dunha forma moi precisa, obxectos sobre un plano terrestre ou subterráneo resultou gañador da edición deste ano do Concurso Galicia Challenge, un concurso que se encadra na convocatoria europea dos premios internacionais Galileo Masters que convocan a Axencia Europea GNSS e a Axencia Espacial Europea.
Esta mañá, o reitor Manuel Reigosa e o delegado de Zona Franca, David Regades, entregaron o diploma acreditativo aos tres integrantes do equipo RadioUAV pertencentes ao grupo de investigación Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da Universidade de Vigo.
Con este premio rexional, a Zona Franca de Vigo premia ao gañador cun ano de incubación no viveiro do edifico Aeroespacial de Porto do Molle, o que inclúe a asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, consultoría, formación e orientación económica para converter a súa idea de negocio. Así mesmo, a Zona Franca tamén sufragará a representantes de CX- Geodron os gastos de viaxe e aloxamento á cerimonia internacional de entrega de premios que se celebrará en Helsinqui o próximo 4 de decembro.
En Helsinqui, todos proxectos gañadores das diferentes rexións europeas optarán ao premio da IDEA DO ANO na convocatoria internacional e tamén poden optar a outros 6 premios especiais en diferentes categorías. Así mesmo CX- Geodron foi preseleccionado, xunto con outras nove ideas de diferentes países, para optar o Premio Especial de Aceleración. Se CX- Geodron resulta gañador do Premio Especial de Aceleración, podería recibir máis de 60.000 euros en servizos de apoio.
CX- Geodron, nado por mor dunha colaboración entre a Universidade de Vigo e a de Oviedo, consiste nun radar instalado nun vehículo aéreo non tripulado e permite, mediante a utilización de bandas UHF e SHF, a detección e identificación de obxectos a nivel terrestre e subterráneo. Os principais usos que podería ter son detección de minas antipersonas; detección de contaminación mariña e derrames de petróleo; usos arqueolóxicos; localización de infraestruturas enterradas; servizos GPR tradicionais e detección de volume e altura de masas forestais preto de infraestruturas críticas tales como torres de media e alta tensión.



