spot_img
InicioVigo e áreaVigoUn proxecto itinerante que chegará a 30 concellos da provincia reivindica a...

Un proxecto itinerante que chegará a 30 concellos da provincia reivindica a figura do pioneiro do cinema e a fotografía José Gil

Un proxecto itinerante que chegará a 30 concellos da provincia reivindica a figura do pioneiro do cinema e a fotografía José GilA rúa Príncipe, a poucos metros de distancia de onde José Gil montou no ano 1910 a primeira produtora de cinema da historia de Galicia, converteuse un século despois no escenario da presentación do proxecto multidisciplinar co que a Deputación de Pontevedra, en colaboración con Vía Láctea Films, Cine na Rúa e Editorial Galaxia busca ao longo deste 2023 recoñecer e reivindicar a este visionario e pioneiro, que cimentou as bases do audiovisual galego

Cousas de revista nº16

Do mesmo xeito que Gil levaba o cine a todos os recunchos de Galicia, un Cinemóbil aparcado ás portas do Museo MARCO, foi a peza central coa que este proxecto chegará a 30 concellos cos que este cineasta tivo relación durante a súa vida, e cuxos actuais alcaldes e alcaldesas tamén estiveron hoxe na presentación, amais da presidenta provincial, Carmela Silva, o alcalde de Vigo, Abel Caballero e representantes das citadas entidades, Ignacio Vilar, Carlos Méndez, Lucía Concepción, Manuel González e Francisco Castro.

Todo na céntrica rúa viguesa evocou a presenza de José Gil (As Neves, 1870-Vigo, 1937), quen realizou máis de 150 filmes documentais entre 1910 e 1935 no sur de Galicia e a pesar de ser “o pai do cinema galego”, como lembrou Carmela Silva, segue a ser unha figura descoñecida e case nada queda da súa obra (só se conservan 7 películas). Desde a música que formou parte da súa vida, interpretada en directo por un dúo, ata o citado Cinemóbil baseado no seu “automotor de cine”, que se converteu nun auténtico photocall, con decenas de persoas deténdose ante os seus carteis. Xa no interior do MARCO, Carlos Méndez e Lucía Concepción, expertos na técnica fotográfica do colódio húmido que serviu de base para o traballo de Gil, fixeron unha demostración práctica deste procedemento tomando unha imaxe á presidenta provincial e proxectouse a curta “Kids auto races at Venice” (1914), o primeiro filme onde apareceu a personaxe de Charlot e que Gil proxectaba a principios do século XX como afeccionado que tamén era aos coches.

Un proxecto itinerante que chegará a 30 concellos da provincia reivindica a figura do pioneiro do cinema e a fotografía José Gil

A presidenta provincial, Carmela Silva, describiu este proxecto como “único e fermosísimo para o recoñecemento ao primeiro cineasta galego” e agradeceu ás e aos seus promotores a idea da iniciativa, así como “o compromiso” dos alcaldes e alcaldesas dos concellos nos que se desenvolverá. “Se hoxe Galicia é unha das comunidades con maior poderío audiovisual, e puidémolo comprobar nos premios Goya, é grazas á figuras como Gil –subliñou-. Pero sen embargo, é tristemente esquecido. Fixo traxectoria aquí en Vigo con tres produtoras que estaban nesta rúa Príncipe e é incomprensible que non sexa unha figura máis coñecida. Por iso imos recuperar a súa historia e parte dos seus filmes e a xente vai coñecer a esta figura imprescindible para o cinema galego feito en Galicia, que amais falaba da nosa terra e os nosos espazos. Un home visionario que tiña un soño e sempre traballou por el, moitas veces con gran incomprensión”.

Deste xeito, o proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutinará presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades moi vencelladas ao territorio entre febreiro e decembro. “Iniciamos –engadiu Carmela Silva- unha andaina de cultura, de cinema, de literatura, unha andaina de vida, de recoñecemento e de sentirnos fortes e orgullosos do que somos. O que hoxe somos foi o que antes construíron outras e outros. Sempre fomos un pobo grande e adiantado, con grandes figuras e Gil foi un pioneiro no so en Galicia, senón en todo o Estado e Europa”.

Carlos Méndez e Lucía Concepción, amais de realizar a demostración en directo da técnica do colódio húmido, tamén reivindicaron a necesidade da recuperación da cámara orixinal de Gil, que se atopa en Ponteareas, e que non puido levarse á presentación polo seu delicado estado. “Nun ou dous anos podemos perdela para sempre”, indicou Concepción, que solicitou a súa recuperación “para poder facer retratos de novo a veciños e veciñas”. “É unha xoia –engadiu Méndez-”.

Programación

A programación de “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” comezará nas Neves (24-25 de febreiro) e rematará en decembro (1-3) en Ponteareas e percorrerá amais os concellos de Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín,  Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo (en outubro), Covelo, Moaña, Salvaterra, Marín e Vilagarcía.

En cada un destes concellos José Gil ocupará o espazo público durante unha fin de semana, chegando á veciñanza con actividades para todos os públicos como o Cinemóbil, que conterá os 16 paneis explicativos sobre o cineasta, que abordan a súa biografía e traxectoria na fotografía. Amais, están previstos encontros coa comunidade educativa de cada lugar, así como a exhibición e presentación de documentais, curtas e montaxes arredor deste pioneiro e a presentación do libro de Manuel González “Nos días encantados de agosto”. A programación incluirá así mesmo sesións vermut, con música en directo, nas que as bandas de música de cada concello interpretarán un programa composto por músicas relacionadas coa vida de Xosé Gil, e proxeccións audiovisuais sobre as obras conservadas de Gil, un documental de 55 minutos de Miguel A. Romero sobre o cineasta e unha curta cómica de Harold Lloyd proxectada por José Gil nos seus cinemas. Igualmente, estará dispoñible un espazo web con toda a información sobre o cineasta e o proxecto para divulgar a súa figura.

- Publicidade -spot_img