No marco dunha investigación sobre fronteiras na que participan institucións europeas e americanas, un proxecto avalía os efectos da pandemia na ‘raia húmida’ entre Galicia e Portugal
De espazos de cooperación e traballo conxunto entre institucións e entidades de diferentes países a escenarios de crises políticas e humanitarias. O concepto de fronteira alude a realidades moi diversas, que investigadores e investigadoras de México, España, Italia e Estados Unidos analizan nun proxecto financiado polo Consejo Nacional de Ciencia y Tecnología (Conacyt) do Goberno de México co propósito de definir un modelo de análise comparada aplicable ás diferentes fronteiras do mundo. Para a súa definición, o proxecto que coordinan o Colegio de la Frontera Norte (Colef) e o Centro de Investigación en Alimentación y Desarrollo (CIAD) mexicanos abrangue o estudo de diferentes realidades fronteirizas, como a que implican os procesos de cooperación e integración das eurocidades da ‘raia húmida’ entre Galicia e o norte de Portugal, que serán analizadas polo coordinador do Observatorio da Gobernanza G3, Enrique Varela. Unha análise que, como recoñece o tamén decano comisario da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública, virá marcada polos efectos da covid-19 sobre as “fronteiras interiores” da Unión Europea.
Coordinado pola investigadora do Colef María del Rosio Barajas, o proxecto La reconfiguración y nuevas funciones de las fronteras del siglo XXI: entre la integración/desintegración, desfronterización/refronterización y cooperación/conflicto agrupa a investigadores das universidades de Vigo, Sevilla, Torino e Arizona State, do Centro Studi di Politica Internazionale de Roma e do CIAD mexicano. Todos eles, membros da rede RECFronteras, centrada na análise dunha “realidade absolutamente complexa e diversa que xenericamente se chama fronteira”, como apunta Varela. O obxectivo final deste proxecto, engade, “é ver cales son os elementos que poden ser comparados, dentro de tanta asimetría” co propósito de definir “un modelo de análise científico de comparación de fronteiras”, que permita identificar os aspectos comúns e diverxentes nestes espazos ao longo do mundo.
A experiencia das eurocidades
Este modelo partirá a súa vez da análise que os diferentes membros da rede realicen dun caso concreto, no marco dun proxecto que comprende o estudo de fronteiras como as de México e Estados Unidos ou España e Marrocos, pero tamén a análise das experiencias de integración que se desenvolven nas “fronteiras interiores” da Unión Europea. Concretamente, Varela responsabilizarase da análise do caso de España-Portugal, dentro da que porá o foco nas eurocidades da ‘raia húmida’ do Miño, Tui-Valença, Salvaterra-Monçao e Tomiño-Vila Nova de Cerveira. As eurocidades, salienta este investigador, implican un “marco institucional estable para tomar decisións, moi estendido no conxunto da UE” e que no caso de España e Portugal comezou a desenvolverse “fundamentalmente a partires da primeira década do século XXI”, dando lugar a diferentes “fórmulas de cooperación, que permiten identificar elementos institucionais que conectan un e outro lado”. Co propósito de analizar estes procesos, pero tamén de ver os efectos que tivo o peche de fronteiras derivado da covid-19, Varela levará a cabo “un proceso de entrevistas con responsables das eurocidades e colectivos sociais e empresariais”.
Un escenario alterado pola covid-19
Como explica este investigador, estudar os efectos da pandemia na realidade fronteiriza non formaba parte dos obxectivos iniciais do proxecto seleccionado pola Conacyt, mais trátase, recoñece, dunha “continxencia que non pode escaparse do proxecto”. A pandemia, subliña, obriga a analizar as fronteiras “como elementos de ida e volta”, xa que ata o de agora entendíase o denominado espazo Schengen como un modelo “no que pensabamos que a progresión ía ser sempre cara máis cooperación, integración e gobernanza”. Mais coa crise sanitaria, chegaron as declaracións de Estado de Alarma, ou de calamidade no caso portugués, “e as fronteiras péchanse”, cos efectos que isto implica, lembra, “para os traballadores transfronteirizos”. Nese senso, Varela sinala que a covid-19 provocou, entre outros, “un escenario de asimetría na toma de decisións” dentro dun “sistema articulado para funcionar dunha maneira sostida no tempo”, que non se dera previamente “nun dos sistemas institucionais máis potentes do mundo, como é o da UE”.