A aceleradora de Zona Franca pecha Fase de Aceleración cos 10 proxectos que participan na sexta edición, marcada polo covid
ViaGalicia, a aceleradora de Zona Franca, concluíu hoxe a Fase de Aceleración para os 10 proxectos que participaron na sexta edición. O éxito da participación nesta aceleradora demóstrase cos datos acumulados desde a súa primeira edición: analizáronse 1.268 ideas de negocio, axudando na definición do modelo a un total de 193 proxectos e acelerado a 79 startups, das que un 80% segue traballando a día de hoxe xerado máis de 400 novos empregos.
ViaGalicia contribuíu a poñer a Galicia no mapa do emprendemento de España cunha importante dotación; un orzamento anual de 2,5 millóns de euros e, ata a data, un acumulado de 10 millóns de euros de financiamento directo aos proxectos.
Aínda que o apoio financeiro que reciben as startups, de 125.000 euros, é un dos puntos fortes, os promotores dos proxectos valoran máis a calidade da formación e a aprendizaxe para mellorar os modelos de negocio, cun programa “feito a medida”.
Precisamente desde a aceleradora ensínase a estar en permanente “ reinvención”, algo que os dez proxectos que completaron a Fase de Aceleración souberon aplicar nun ano marcado polo covid.
O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca, David Regades, explicou que “as startups, polo seu tamaño, son moito máis flexibles e cústalles menos o cambio, adáptanse máis rapidamente aos cambios da contorna”. De feito, “esta foi unha das razóns polas que, a pesar das dificultades, as startups desta sexta edición de ViaGalicia souberon reaccionar e modificar os seus modelos de negocio no novo escenario”.
O programa, en colaboración coa Xunta, conta cunha subvención directa de GAIN e financiamento a través de Vigo Activo e XesGalicia.