
Mañá día 30 de xaneiro remata o prazo de presentación de solicitudes para participar no primeiro Certame Mellor Canción Galega “Os Bardos” que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Baiona, dirixida por Dª. María Iglesias Fernández, co obxectivo primordial de impulsar e recoñecer a creación, a diversidade e a calidade da música feita por galegos en lingua galega.
Este Certame está a xerar un grande interese, xa que numerosos grupos, solistas e dúos galegos contactaron co concello para interesarse, e realizar a súa inscrición.
Trátase dun certame de cancións inéditas en lingua galega, onde se seleccionarán 10 finalistas, os cales participarán nunha Gala que terá lugar no Auditorio V Centenario de Baiona, en datas próximas ao Día das Letras Galegas de este ano, e donde os seleccionados optarán aos seguintes premios:
- Premio “A Mellor Canción Galega” dotado de 600€, e ademáis o gañador terá a oportunidade de actuar na programación cultural do Baiverán 2019.
- Segundo Finalista: dotado de 400€
- Terceiro Finalista: dotado de 250€.
Recordamos a todas aquelas persoas que poidan estar interesadas que a inscrición pode realizarse ata mañá mércores 30 de xaneiro de 2019, ata as 14:00h. de xeito presencial na oficina de Rexistro do concello, ou ata o final do día na Sede Electrónica.
Dende a Concellería de Cultura do Concello de Baiona, animamos a aqueles solistas, dúos ou grupos que interpreten cancións en lingua galega inéditas, a que se presenten a esta primeira edición do Certame, que esperamos se consolide nun futuro próximo.
As bases do Certamen poden consultarse na páxina web do concello: www.baiona.org.
Máis información na Concellería de Cultura do Concello de Baiona, no teléfono 986385921, ou cultura@baiona.org



