spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaTurismo de Redondela da un paso máis na posta en valor do...

Turismo de Redondela da un paso máis na posta en valor do Meirande e divulgación da Batalla de Rande

A unión da desembocadura do río Verdugo e as mareas, atopamos un chairo mariño rico en mariscos bivalvos e numerosas aves de invernada en plena ría de Vigo. A enseada alberga o arquipélago de San Simón formado por 4 illas: San Bartolomé, San Antonio, San Simón e San Norberto. Unha das máis relevantes é a illa de San Simón, pertencente á Rede Natura 2000. Esta illa estivo ocupada polos templarios nos séculos XII e XIII ata que a excomunión e disolución desta orde deixa a illa en mans da Coroa de Aragón que a doa ao Bispado de Tui no ano 1370 en agradecemento á súa fidelidade. Nos anos posteriores combinarase a ocupación relixiosa da illa con períodos de abandono, asaltos e saqueos por parte dos piratas británicos comandados por Sir Francis Drake. En 1702 chega un episodio histórico, a coñecida como batalla de Rande, que enfrontou ás tropas anglo-holandesas cunha coalición franco-española, na que resultaron vencedoras as primeiras. Despois da batalla saquearon toda a costa e incendiaron o antigo mosteiro de San Simón, que tras unha reconstrución volveu ser destruído e finalmente abandonado no ano 1719, tras outro ataque inglés. Despois de case un século de abandono, e debido ás epidemias de cólera, decídese instalar en San Simón o que sería coñecido como Lazareto de San Simón polo que tiñan que pasar os navegantes procedentes doutros países europeos. O lazareto inaugurouse en 1841 e foi clausurado en 1927, coa chegada da Guerra Civil convértese en cárcere. A partir de 1948 convértese en residencia de verán para os membros da Garda de Franco, pero en 1950 un accidente marítimo acabou coa morte por ahogamiento de corenta e tres membros da Garda de Franco, tras afundirse a súa embarcación "Monchita". Isto precipitou o peche da illa, que tan só volvería ser utilizada entre 1955 e 1963 como fogar Méndez Núñez para a Formación de Orfos de Mariñeiros. Actualmente, e despois dunha profunda remodelación o complexo parece estar destinado a converterse nun centro de recuperación da Memoria Histórica, con varios edificios restaurados, centro de documentación e biblioteca. Na actualidade as illas están abertas ao público, aínda que hai que pedir autorización para poder visitalas. e no mes de xullo celébrase un dos festivais de música máis exclusivos que podemos atopar na provincia de Pontevedra. Julio Verne O poder de inspiración artística e criadora deste arquipélago foi unha constante na súa historia, porque en San Simón caben infinitas novelas. Lendas de corsarios, de monxes templarios, de batallas, de tesouros ocultos e de viaxeiros chegados de afastadas terras, alimentadas polos múltiples avatares dos que este arquipélago foi testemuña ao longo da historia. En San Simón quixo Julio Verne que recalara o capitán Nemo nas súas Vinte mil leguas de viaxe submarina, marabillado pola lenda dos tesouros dos galeóns afundidos na batalla de Rande. Unha pasaxe que evocaría Carlos Núñez, un referente na música galega, que fala de San Simón e do Nautilus no disco Maio Longo, recollendo a testemuña dos trobadores medievais que, como Meendinho, dedicaron as súas cantigas a San Simón e á ría de Vigo. Grazas ás narracións do escritor Joaquín Dicenta coñecemos tamén a vida cotiá no lazareto durante un dos períodos decisivos na historia da illa, e foron incontables os novelistas, poetas, escultores ou músicos de todos os tempos que nela atoparon a forza evocadora para as súas composicións. A Batalla de Rande Quizais fosen as súas óptimas condicións naturais ou a súa proximidade á cidade de Vigo os factores que motivaron que a illa fose testemuña de numerosos acontecementos violentos provocados por conflitos territoriais e incursións armadas. Un dos episodios máis coñecidos e a batalla de Rande, na que o arquipélago viuse inmerso o 23 de outubro do ano 1702, cando unha flota armada anglo-holandesa atacou as naves españolas e francesas na enseada de San Simón, en plena Guerra da Sucesión. Os galeóns españois cargados co maior envío que se coñecía de tesouros procedentes de América, entraron en Vigo o día 22 de setembro de 1702. Refuxiáronse no fondo da ría, pero os anglo-holandeses descubriron o agocho do prezado cargamento. Os españois estaban preparados para a incursión, protexidos pola escuadra francesa, con canóns en terra e cadeas cruzadas na ensenada para impedir a entrada dos buques inimigos. Finalmente, o 23 de outubro comezou a batalla. Os anglo-holandeses conseguiron conquistar as defensas de terra cun ataque anfibio logrando unha vitoria que se repetiría no mar tras menos de dez horas dun combate, que deixou os navíos franceses en chamas e abriu unha vía libre para chegar aos cobizados galeóns españois cargados de tesouros. Os españois afundiron os seus barcos e hai historiadores que afirman que foron tragados polo mar con parte da súa prezada carga a bordo. Os atacantes vitoriosos non puideron evitar, á súa partida, que encallase o único galeón apreixado, que finalmente afundiría na saída da ría de Vigo, alimentando dese modo a lenda. Antes de abandonar a enseada os ingleses saquearon a illa de San Simón e, segundo relata Frei Jacobo de Castro, acoitelaron as imaxes dos santos e queimaron a igrexa. Tan célebre foi a batalla de Rande que Vigo gañou unha rúa en Londres para lembrar a vitoria británica na súa ría. Ademais, esta contenda é quizais a maior fonte de lendas relacionadas coa enseada e a illa de San Simón. O mito do tesouro segue vivo e non só reparou nel Jules Verne. Ao longo da historia sucedéronse as expedicións para buscar o ouro dos vellos galeóns que repousan no fondo da ría.Un proxecto de realidade aumentada permitirá a recreación da Batalla de Rande tal e como aconteceu e contribuirá a poñer en valor un episodio histórico con repercusión internacional e que deixou fonda pegada na comarca e no municipio

A Concellería de Turismo do Concello de Redondela que xestiona María Castro e dentro das iniciativas que realiza de cara a posta en valor do Meirande, dotará a esta instalación museística dunha ferramenta dixital que permita, por unha banda, establecer unha contorna virtual para a descrición da Batalla de Rande e, por outra, a virtualizar o propio Meirande.

De cara a darlle forma á recreación virtual, a pasada semana desenvolvéronse os traballos de gravación nas distintas salas do Meirande que, posteriormente e acompañados dun guía virtual, as e os visitantes poderán percorren con detalle e con entornos de 360 graos.

Tal e como explica a alcaldesa redondelá, Digna Rivas, o proxecto “leva o Museo físico a un entorno de navegación dinámica onde as persoas visitantes gozarán dunha experiencia cultural na que coñecerán a fondo o Meirande”.

Para acadar un maior impacto utilizaranse varias ferramentas de divulgación como a antedita visita guiada, o acceso a persoas con discapacidade a través da incorporación de audios descritivos das salas e elementos musealizados; teatralización y animación en espazos específicos a través de actores caracterizados de personaxes da época que describirán a vida a bordo das naves e narración técnica especializada coa inclusión de vídeos de expertos realizados por historiadores ou profesionais destacados.

No que á Batalla de Rande fai referencia, o proxecto de realidade aumentada permitirá que as persoas visitantes poidan acceder a unha recreación do combate naval tal e como aconteceu e inclúense códigos QR en distintos puntos da enseada para poder recrear a batalla dende esa perspectiva o que permite ás e aos visitantes coñecer a disposición dos barcos, os movementos de defensa ou os puntos de desembarco en terra.

Digna Rivas lembra que o turismo cultural “atrae cada día a maior número de persoas e Redondela posúe un enorme potencial nese eido que é preciso poñer en valor. Nese contexto o Meirande, “un dos grandes descoñecidos, estase a confirmar como un elemento de atracción turística de primeiro nivel, como así o indica o crecemento continuado de visitantes”.

Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA)

Cómpre destacar que o Meirante forma parte, dende hai uns meses, da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) á que, ata o de agora, non pertencía, unha adhesión que, afirma a rexedora redondelá “non só pon ao Meirande no mapa dos museos costeiros de Galicia, norte de Portugal e Asturias, senón que é un extraordinario elemento de dinamización do patrimonio ligado ao mar”.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.