spot_img
InicioBaixo MiñoTui presentou a súa programación cultural do primeiro semestre

Tui presentou a súa programación cultural do primeiro semestre

Tui presentou a súa programación cultural do primeiro semestre

Tui presentou a súa programación cultural do primeiro semestre, na que a calidade, variedade e continuidade seguen converténdoa nun referente en Galicia

Este venres, 1 de febreiro, comeza a programación do primeiro semestre do ano en Tui. Vén recollida no número 37º da axenda Corredoira Cultural. Está conformada por seis espectáculos que se van levar a cabo no Teatro Municipal e sete eventos que se van celebrar até o mes de maio.

A presentación tivo lugar na casa do concello por parte do alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, xunto a Elisa Alfaya, Eduardo Rodríguez “Tatán” e Avelino González.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, destacou nesta presentación “a tradición e continuidade ao longo de moitos anos dunha axenda cultural moi completa, que sen dúbida hoxe en día ten un gran prestixio no sector e en Galicia”. Engadía o rexedor que isto “non é froito da casualidade senón  do gran traballo realizado ao longo de moitos anos e cunha estratexia moi clara de facer unha axenda moi variada e con gran presenza de produción galega”. Concluía apuntando que “para destacar en calquera ámbito é importante ter continuidade e traxectoria” sinalando a longa traxectoria que ten esta programación cultural na que radica parte do seu éxito.

O concelleiro de Cultura, indicaba que con esta programación o Concello de Tui “mantén a súa liña de calidade nunha programación cultural, que nunha cidade, que a pesar do seu número de habitantes, ten un dos mellores resultados en afluencia de público ao teatro dentro da Rede Galega de Teatro e Auditorios”. O edil agarda que “o público siga manténdose fiel e sendo esixente para que poidamos ter a mellor das programacións ao longo do ano”.

Pola súa parte o director da AGADIC, Jacobo Sutil, destacou a variada programación ofertada nos próximos meses en Tui, con seis espectáculos pertencentes á Rede Galega de Teatro e Auditorios, que son financiados ao 50% pola rede e polo Concello de Tui. Apuntaba que o Teatro Municipal é un dos máis valorados da Rede Galega tanto pola súa dotación como polo trato que se lle da ás compañías que aquí actúan.

O Teatro Municipal -Área Panorámica- acollerá seis espectáculos desde este venres

Dos seis espectáculos que se van celebrar no Teatro Municipal, dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios, tres van dirixidos a público familiar e tres a público adulto.  A primeira cita será este venres, 1 de febreiro, con Talía Teatroque presentará unha revisión do clásico de Carlo Goldini “O servidor de dous amos”. Unha obra que incorpora novas formas de teatralidade e que persegue “o espectáculo total”.

O venres, 8 de febreiro, será a quenda de Elefante Elegante con “Patapatúm”, unha obra a que reflexionan sobre o tempo que os pais e nais lle poden dedicar aos seus fillos. O venres 15 de febreiro chega ao Teatro Municipal “Invisibles” a obra na que Redrum Produccións aborda a violencia de xénero a través da historia de mulleres reais recollidas no seu libro por Montse Fajardo. 

Ian Hamilton e Elisa Alfaya serán os responsables de “Cousa de nenos” un espectáculo de maxia, comedia, sombras chinescas, pintura rápida… programado para o venres 1 de marzo. Na presentación desta mañá Elisa Alfaya como tudense amosouse orgullosa de actuar en Tui, logo de estar moitos anos fóra.

Avelino González, director de “Senior” a obra que Culturactiva presentará o venres, 8 de marzo, apuntou que “é un pracer vir a Tui con este espectáculo” xa que dicía “Tui é un dos sitios de referencia para ver teatro no sur de Galicia” ao tempo que apuntaba que a Eurocidade Tui-Valença é un plus xa que aporta público galego-portugués. Nesta obra ponse ao fronte de dous consagrados actores coma Luís Iglesias e Marcos Orsi que abordan en clave de humor a chegada á década dos 50.

 Por último o venres 15 de marzo Tanxarinarepresenta a obra de Carlos Casares “A galiña azul”. Eduardo Rodríguez “Tatán” un dos actores / manipuladores, fixo referencia aos 38 anos de traxectoria da compañía nos que Tui sempre foi parte do seu traballo, e referencia no teatro, xa que “non vimos só aquí a facer teatro, senón tamén a ver teatro”. Presentarán o galardoado “A Galiña Azul” que foi premiado como mellor espectáculo infantil nos premios Fetén, e nos María Casares.

O Entroido abrirá a programación de eventos co Desfile Concurso previsto para o martes, 5 de marzo, e o Enterro do Bacallou que se celebrará o domingo 10 de marzo.  O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play Doc, celebrará a súa décimo quinta edición do 3 ao 7 de abril. As festas de San Telmo terán lugar do 20 ao 29 de abril con eventos coma o Festival Folclórico ou a XI Semana do Teatro Afeccionado. Por último pecha a programa a XXII Feira do Libro Galego que se celebrará no Paseo da Corredoira o 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Toda a programación do primeiro semestre do ano vén recollida no número 37º da axenda Corredoira Cultural, da que se editaron 15 mil exemplares que son distribuídos en Tui e Valença. 

- Publicidade -spot_img