spot_img
InicioBaixo MiñoTui inviste 702 mil euros do Plan Concellos 2016 en diferentes proxectos

Tui inviste 702 mil euros do Plan Concellos 2016 en diferentes proxectos

tui-inviste-702-mil-euros-do-plan-concellos-2016-en-diferentes-proxectos

200 mil euros máis destínanse a contratación de 22 persoas que esta semana comezarán a traballar

Tui dispón neste ano 2016 de 952.324,40 mil euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, son 200 mil euros máis que na anualidade anterior segundo explicou hoxe o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, que compareceu en rolda de prensa para dar a coñecer os proxectos aos que se destinarán estes cartos acompañado polos concelleiros Yolanda Rodríguez, Carme Núñez, Miguel Capón, José Martínez, e Laureano Alonso.

comillasUn muro de contención nas instalacións do Campo Álvarez Durán, ou a elaboración do Inventario de Camiños son dúas das actuacións prioritarias

Dos 952 mil euros que Tui recibirá da entidade provincial o 22,5%, é dicir, 200 mil euros, destínase á contratación de 22 persoas, 16 peóns e 6 auxiliares administrativos, que esta mesma semana comezarán a traballar para o Concello de Tui. Deste xeito paliarase unha parte da necesidade de persoal que ten nestes momentos o Concello. A estas persoas sumarase con fondos propios a contratación de persoal externo para suplir a baixa por enfermidade do arquitecto municipal, así coma a contratación dun arquitecto e un xurídico, arestora en proceso selectivo, para tentar aliviar a carga de traballo que hai no departamento de Urbanismo, regularizando así o seu funcionamento.

Os 702.339,24€ restantes do Plan Concellos 2016 destinaranse a execución de diferentes proxectos nos que segundo Enrique Cabaleiro, primou a necesidade de atender servizos básicos. Agradeceu aos seus compañeiros de goberno o consenso logrado para o reparto destes fondos. Lamentou o rexedor tudense coma algúns proxectos se destinarán a “remendar” o feito por gobernos anteriores citando neste caso o baleirado do edificio lindeiro ao actual centro de saúde que fóra mercado polo Concello, ou ao investimento de 70 mil euros para a realización dun muro de contención nas instalacións deportivas Álvarez Durán para non perder unha subvención de 150 mil euros para renovar o céspede artificial.

Cada un dos concelleiros presentes explicou as actuacións a realizar no seu departamento. Carme Núñez, concelleira de Patrimonio, avanzou que se van destinar 61.195,75€ á rehabilitación do Palco da Música no Paseo da Corredoira, 32 mil euros serán para o baleirado do edificio mercado polo Concello á carón do actual centro de saúde, e 15.720€ terán por obxectivo a adquisición de mobiliario urbano coma papeleiras, bancos e xardineiras, para o Conxunto Histórico. José Martínez Tato, concelleiro de Medio Rural, anunciou o investimento de 58.999,93€ para dar resposta a unha vella demanda dos veciños de Caldelas coma é abastecemento de auga ao barrio do Monte, e amais 42 mil destinaranse á mellora do acceso ao Parque Empresarial dende A Guía en Randufe. Miguel Capón Rey, ante a ausencia por motivos laborais da súa compañeira de AtT, María José González, concelleira de Ensino, explicou que é intención do goberno municipal dotar de comedores escolares a todos aqueles centros públicos que o soliciten, por iso nesa liña dentro do Plan Concellos 2016 99.857,06 investiranse na ampliación do comedor do CEIP nº2 trasladando as súas instalacións cara a actual sede do Colexio Rural Agrupado no mesmo recinto escolar.

En Deportes a actuación prioritaria será a construción dun muro de contención, cun orzamento de 71.933,20€, nas instalacións deportivas Álvarez Durán para evitar as filtracións de auga que se producen cara o campo de herba artificial que danaron xa estas instalacións provocando afundimentos no terreo, segundo explicou o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso. A obra deberá executarse en pouco tempo para non perder outra subvención de 150 mil euros para cambiar o céspede, da que se conseguiu un aprazamento ata o 31 de decembro. Tamén no eido deportivo figuran con fondos provinciais obras no Pavillón da Macoca por unha banda para o arranxo do firme, xa que o actual levanta moito po e imposibilita calquera práctica deportiva. Aquí o obxectivo é colocar un que leve resina para que poida ser empregado para práctica de patinaxe. Neste pavillón tamén se executarán outros traballos nas gradas e vestiarios e se sinalizarán as saídas de emerxencia cun investimento total de 59.986,23€. Por último 32.523,37 euros destinaranse aos edificios municipais de remo e piragüismo para solucionar problemas de humidade no primeiro, e de condensación no segndo, onde tamén se procederá ao pintando.

Finalmente en Urbanismo, segundo a súa titular, Yolanda Rodríguez, a elaboración dun Inventario de Camiños é unha necesidade urxente tanto á hora de pedir subvencións coma para a solicitude de licenzas por parte dos veciños. A este cometido destinaranse 36.058 €. Por outra parte 70.714,71 euros serán para a demolición do edificio situado na Avenida da Concordia co obxectivo de pór a dispor os terreos da Xunta para a construción dun edificio xudicial. Explicou tamén a concelleira a necesidade de adquirir un novo vehículo para o Servizo dos Electricistas, xa que o actual sofre reiteradas avarías, por iso se investirán 62.788,51 euros. Por último 39.984,95 euros terán coma finalidade a realización dun novo parque infantil en Caldelas, que se sumará á remodelación feita xa no Penedo, e ao que se está a licitar para Montiño, en Rebordáns. Avanzaba amais a concelleira que coas baixas que se poidan obter destas obras se adquirirá un novo vehículo para a Policía Local. Nese senso o alcalde, Enrique Cabaleiro, explicou que coas baixas do Plan Concello 2015 asfaltouse a rotonda de Guillarei, construíronse beirarrúas no entorno do colexio de Guillarei, e procederase ao pintado das rúas de Tui, traballos que están arestora en fase de licitación. Por outra parte o alcalde de Tui anunciou tamén a solicitude á Xunta de Galicia de dúas axudas unha para o cambio do actual alumeado por luces led no Parque Empresarial de Areas, e outra para a ampliación do Cemiterio Municipal.

Os proxectos presentados polo Concello de Tui ao Plan Concellos 2016, dada a actual carencia de persoal municipal, serán licitados e levará o control da obra a propia Deputación de Pontevedra.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.