spot_img
InicioBaixo MiñoTui celebrará o desfile concurso de Entroido o martes 25 de febreiro

Tui celebrará o desfile concurso de Entroido o martes 25 de febreiro

Tui-o-concurso-desfile-de-comparsas-e-grupos-de-entroido-de-tui-celebrarase-o-27-de-febreiroRepartiranse 5.600 € en premios. O domingo 1 de marzo terá lugar o Enterro do Bacallau

O martes, 25 de febreiro, celebrarase en Tui o tradicional Desfile-Concurso de Entroido. No mesmo poderán participar grupos de entre 10 e 20 persoas e comparsas con máis de 25 persoas disfrazadas en conxunto.  Desenvolverase dende ás 17 h no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda.

A inscrición realizarase exclusivamente a través da sede electrónica do Concello de Tui nos tres días posteriores á publicación das bases no BOPPO, Boletín Oficial da Provincia. Limítase a participación ás 20 primeiras comparsas inscritas e aos 5 primeiros grupos, coa salvidade de que nunca unha comparsa ou grupo de Tui quedarán fóra de concurso.

No caso de choiva será aprazado para o sábado 29 de febreiro, tamén ás 17 h. Só nese caso abrirase un novo prazo de inscrición para aquelas entidades que non se inscribiran con anterioridade e desexen participar nesta nova data. A inscrición formalizarase só 26 de febreiro a través da sede electrónica.

O xurado, formado por 6 membros de asociacións tudenses, 4 cidadáns tudense, e 2 traballadores municipais, e presidido pola concelleira de Cultura, terá en conta na súa valoración o número de participantes, a actualidade da temática elixida, a parodia de temas locais, o vestiario, o acompañamento musical e a carroza, así coma o vestiario e a coreografía das que opten ao premio de fantasía.

No Desfile-Concurso de Entroido 2020 repartiranse 5.600 € en 18 premios de catro categorías: xeral, carroza, acompañamento musical e fantasía. Repartiranse ademais 18 trofeos valorados en 400 €. Amais pola súa participación as comparsas recibirán 500 € se desfilan con carroza e 250 € se desfilan sen carroza, e os grupos 200 € e 100 € respectivamente.

Coma despedida do Entroido o domingo, 1 de marzo, ás 19:30 horas celebrarase o Enterro do Bacallau. Sairá dende a Praza de San Fernando, para percorrer as rúas Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira, con parada no Cantón de Diómedes para realizar o funeral e ler ou cantar as coplas ao finado Bacallau. As comparsas e os grupos que así o desexen poderán entregar unha copia das coplas, o mércores 26 de febreiro, a través da sede electrónica do Concello de Tui.  A comitiva continuará polas rúas Augusto González Besada, Ourense e aparcadoiro municipal, onde terá lugar a cerimonia de incineración.

 

- Publicidade -spot_img