Este sábado inaugurouse no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a XXXII Bienal de Arte de Pontevedra, unha explosión artística de 101 días de duración que converterá á cidade no “mellor museo de arte contemporánea ao aire libre de Europa”.
Despois de 15 anos de ausencia, a mostra bianual de arte contemporánea máis antiga de España regresa a Pontevedra impulsada pola Deputación cun programa que comezou o venres co espectáculo de luz e son na fachada da capela da Virxe Peregrina da man do artista francés Patrice Warrener e se manterá, con exposicións e actividades permanentes, ata o 26 de setembro deste 2025.
O acto contou coa presenza do Presidente da Xunta de Galicia, do Presidente e do Vicepresidente da Deputación de Pontevedra e dunha representación dos artistas que participan na Bienal, así como representantes das corporacións da Deputación e do Concello de Pontevedra e integrantes do tecido cultural e social de Galicia, o acto oficial de inauguración de edición número 32 da Bienal de Pontevedra celebrouse no hall exterior do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Un acto que estivo conducido pola directora do Museo, Ángeles Tilve, e que contou coas intervencións do presidente da Deputación, Luis López, o vicepresidente Rafa Domínguez, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o comisario da Bienal, Antón Castro. O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, foi o encargado de pechar o acto para continuar cunha visita institucional ás principais obras da mostra, expostas nunha sala temporal do Museo e que contou con guias de excepción: os artistas Manuel Casimiro, Gervasio Sánchez, Zehra Dogan e Eva Kotatkova, autores dalgunas das obras expostas.
A BIENAL
A Bienal de Arte de Pontevedra é a bienal de arte contemporánea máis antiga de España. Fundada en 1969 como certame de arte local, gozou dun rápido desenvolvemento durante a década dos oitenta e afianzou o seu status internacional a partir de 1990.
Ao longo dos anos noventa a Bienal de Pontevedra consolidouse como un evento artístico de prestixio nacional, que adaptou o seu formato para fomentar o crecemento dunha mostra que se converteu nunha cita obrigada dentro do circuíto da arte contemporánea española. A partir do ano 1998 comezou unha fase de apertura internacional, con comisariados de referencia na escena artística europea, e cuxa temática se abriu ao diálogo e á reflexión para alén das nosas fronteiras.
En xuño de 2025, tras quince anos de ausencia, regresa como un evento cultural internacional que busca celebrar a arte e fomentar o diálogo sobre a cultura contemporánea.
A Bienal de Arte de Pontevedra é un evento organizado pola Deputación de Pontevedra; en
concreto, a través do Museo de Pontevedra desde 1991.
O museo, fundado en 1927 por iniciativa da Deputación, é unha institución cultural de
recoñecido prestixio tanto polo seu labor investigador coma pola relevancia e heteroxeneidade dos seus fondos: pintura, escultura, fotografía, mobiliario, cerámica, fondos arqueolóxicos, etnográficos, documentais e bibliográficos. Actualmente conta con seis edificios situados no centro histórico da cidade.
Mediante a bienal promóvense, desenvólvense e difúndense os valores do Museo de
Pontevedra en materia de arte contemporánea, xerando un diálogo enriquecedor cun dos
museos cos fondos máis extensos de España, e ambos permítennos reflexionar de maneira
permanente acerca da historia e da contemporaneidade, creando sinerxías inesperadas e
enriquecedoras. Os edificios do museo están entre as principais sedes da Bienal de Pontevedra




