
Foto de Xosé castro
O Goberno local de Tomiño quere recoñecer o compromiso e a importante labor do seu Fillo Predilecto (2012) o escritor e académico Xose Luis Franco Grande, quen faleceu esta noite e quen fixo de Tomiño a súa patria.
Xose Luis Franco Grande naceu en Tebra no ano 1936. Fillo de mestres, foi o responsable do primeiro Diccionario galego -castelán (1968), iniciando o camiño da normalización da nosa lingua. Alma da xeración esquecida que durante a ditadura fixo de ponte entre os represaliados do Grupo “Nós” e a Xeración Galaxia.
O escritor foi nomeado Fillo Predilecto de Tomiño en sesión plenaria do 27 de outubro de 2011 e faséndoselle a homenaxe respectiva o 15 de xaneiro de 2012, cando se lle entregou unha distinción coa seguinte lenda: A corporación municipal do Concello de Tomiño acordou por unanimidade nomear fillo predilecto de Tomiño a Xose Luis Franco Grande POLO SEU FIRME E INQUEBRANTABLE COMPROMISO CON GALICIA E COA SÚA LINGUA E CULTURA”. Este emotivo acto, celebrado no auditorio goianés, contou coa preseza da familia, amizades, veciñanza e boa parte da intelectualidade galega. Asemade, Franco Grande foi o primeiro homenaxeado no Acto Cívico do Alivio, instituído polo goberno local no ano 2007.
Membro numerario da Real Academia Galega
Na actualidade era membro numerario da Real Academia Galega e membro do consello reitor do IGADI. Compaxinaba os seus artigos na prensa escrita coa impartición de conferencias sobre literatura e pensamento político. Un ámbito do que nos quedarán as súas últimas publicacións Os anos escuros (2004), Cando o futuro comeza (2009) , Outra política para outros tempos (2015) ou A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos (2020).
Xosé Luís Franco Grande foi durante moito tempo para o público galego o autor do Diccionario galego-castelán (1968) e do Vocabulario galego-castelán (1972), dúas obras de referencia naqueles anos para a resolución de dúbidas sobre o léxico da nosa lingua
A procura da identidade humana, do eu íntimo, e o transcorrer do tempo son constantes dende os seus versos de mocidade, premiados en distintas ocasións nas Festas Minervais. Con só 19 anos, mereceu o Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires polo seu primeiro libro, Brétemas do vieiro, que permanece inédito; e en 1967 recibiu o Premio Nacional Rosalía de Castro polo poemario Entre o si e o non, unha obra de corte existencialista nuns tempos marcados nas letras galegas pola poesía social-realista. En 1987 veu a lume Herdo de memoria e tempo, en cuxa introdución sinalaba que escribir poesía, en certas circunstancias pouco alentadoras, pode ser un acto heroico do que pende a salvación íntima. Como poeta volveu ás librarías en 2015 con Xoguetes do tempo e, dous anos despois, Libro das abandonadas (2017).
Como crítico e ensaísta, publicou Os anos escuros. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-60) (1985), testemuño dos seus anos de estudante universitario en Santiago de Compostela; A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Baixeras (1991), un tributo a trinta e oito amigos que ampliou en 2019 con A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos; Francisco Fernández del Riego. Galeguista de acción e cultura (2001); e Outra política para outros tempos (2013); e fíxose cargo da edición da Obra completa de Leiras Pulpeiro (1970), e da novela de Camilo Gonsar Cara a Times Square (1989).
O académico ingresou na RAG en 1998 cun discurso titulado O Antigo Réxime nunha familia do Baixo Miño, centrado na historia dos Blanco de Sea-Franco na transición á modernidade. Neste traballo, Xosé Luís Franco Grande reviviu, a través de documentos familiares, as vicisitudes dos seus antepasados e o espírito ilustrado dalgún dos seus membros. A encargada de darlle a benvida en nome da Real Academia Galega foi a académica Luz Pozo Garza, con quen colaborara dende os anos 70 na revista de poesía Nordés.



