Inicio Galicia A Real Academia Galega de Belas Artes homenaxea ao arquitecto Domingo de...

A Real Academia Galega de Belas Artes homenaxea ao arquitecto Domingo de Andrade no ‘Día das Artes Galegas 2020’

A Real Academia Galega de Belas Artes homenaxea ao arquitecto Domingo de Andrade no 'Día das Artes Galegas 2020'En sesión ordinaria celebrada o 29 de xuño de 2019 o plenario decidiu elixir a candidatura do arquitecto barroco Domingo de Andrade para a celebración do Día das Artes Galegas 2020 que se celebra hoxe.

DECLARACIÓN DÍA das ARTES GALEGAS

A Real Academia Galega de Belas Artes  en sesión de 15 de xaneiro de 2015 determinou declarar a xornada de cada 1 de abril como “Día das Artes Galegas”. Elección en lembranza desa mesma data do ano 1188  e da que se deixa constancia en epígrafe baixo os linteis do Pórtico da Gloria, como día no que se colocaron;  mesmo tamén por canto significa o Pórtico da Gloria e o seu autor, o Mestre Mateo na arquitectura, na escultura, na pintura e mesmo na Música.

Até agora os primeiros homenaxeados foron:

  • 2015 Mestre Mateo
  • 2016 Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
  • 2017 Maruja Mallo
  • 2018 Alejandro de la Sota
  • 2019 Luís Seoane

CARTEL DÍA DAS ARTES GALEGAS 2020
Deseño realizado polo académico de número da Sección de Artes da Imaxe, don Xosé Díaz Arias de Castro a partir do retrato de Domingo de Andrade que se atopa na facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, obra do pintor e académico Felipe Criado (1928-2013), quen fora membro numerario da Sección de Pintura e Gravado desta Institución.

CELEBRACIÓNS
A academia informou que ao longo do ano celebraranse unha serie de actividades e xornadas para difundir e poñer en valor a vida e obra de Domingo de Andrade. Ademais, prevé celebrar esta efeméride cun acto académico no Hostal dous Reis Católicos, cuxa data fixará segundo a situación do coronavirus.

Domingo Antonio de Andrade
(Cee, A Coruña, 1639-Santiago de Compostela, 1712)

Fillo de labradores acomodados e de orixe fidalga, mesmo o seu pai exerceu coma xuíz nas xurisdicións de Vimianzo, Mens e Cee. Domingo de Andrade, en 1654 comezou os seus estudos na Universidade Compostelán en 1654 aínda que os abandonou tras unha enfermidade . No 1668 casou con Isabel Areas Canosa con quen tivo 10 fillos, 5 dos cales faleceron antes de chegar á adultez sendo os outros, dous franciscanos en Santiago e tres agustinas en Lugo e Betanzos. En 1699 Domingo de Andrade ordenouse como presbítero ao quedar viúvo.

Comezou a traballar na capital compostelá en 1662 e fixoo como entallador de oficio, preocupado principalmente pola estrutura compositiva de retablos en madeira. Algunhas das súas obras son: o tabernáculo da Catedral de Santiago, estrutura que repetirá no baldaquino da Capela do Santo Cristo da Catedral de Ourense e o baldaquino do Altar Maior da igrexa do mosteiro de Oseira.

En 1676 é nomeado Mestre Maior de obras da Catedral Compostelán, comezando coa súa primeira obra: a Torre do Reloxo  (1680) caracterizada pola súa monumentalidade e solidez en harmonía co conxunto catedralicio. En 1696 o cabido santiagués encárgalle a nova Sancristía (hoxe Capela de Nosa Señora do Pilar) da que fixo as trazas e  foi substituído por Casas Nóvoa no 1711.

En 1700 realizou o Pórtico Real da Quintana, horizontalidade en contraste coa esvelteza da Torre do Reloxo. Así mesmo traballou no convento de San Domingos de Bonaval en tres partes principais: a fachada da portería, os cuartos e o claustro onde aparecen as súas características sartas de froitas e o virtuosismo da afamada escaleira de caracol. Resulta sobranceira, como mostra de arquitectura urbana, a Casa da Parra (1683) e a Casa da Conga (1709) que el comezou, aínda que finalmente a realización se atribúe a Casas Nóvoa. Ademais, fora de Compostela realizou, entre outras, a sala capitular e a sancristía da Catedral de Lugo, interiores tamén co seu característico encalado en branco.
Persoeiro posuidor dunha gran cultura debido á súa relación, dende 1658, co cóengo fabriqueiro don José de Vega y Verdugo. A súa obra “Excelencias, antigüedad y nobleza de la Arquitectura” (Santiago, 1695) ven a demostrar a súa erudición e expresa a súa teoría arquitectónica.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies