O Concello agradece especialmente a colaboración prestada pola Comandancia de Mariña de Tui, que fixo un estudo previo á reparación
Despois dos danos ocasionados polos temporais e o grande aumento do caudal do río Miño durante os pasados meses, foi necesario reconstruír os pantaláns das parroquias de Goián e Sobrada (Torrón), que foron seriamente danados polas riadas, desprazando incluso as instalacións do seu lugar orixinal.
Logo de varios días de traballo, ambos os dous pantaláns, están xa en condicións de ser utilizados. O concelleiro de Obras, Francisco Campo Lago, informou que foi necesario un investimento de 8.750 euros, IVE incluído, que serviron para repoñer varios floradores, tramos de madeira e enganches.
Campo Lago quixo agradecer especialmente a colaboración prestada pola Comandancia de Mariña de Tui, que fixo un estudo previo dos pantaláns para saber como facer a reparación.
Por outra banda, máis de mil metros cúbicos de area, foron necesarios para acondicionar a Praia de Goián, situada á beira do Espazo Fortaleza, despois dos danos ocasionados polos temporais, estando xa totalmente arranxada.
Francisco Campo Lago, concelleiro de Vías e Obras, explicou que se trata de obras de carácter excepcional, xa que o estado en que quedaron as instalacións imposibilitaba o uso das mesmas.
Paralelamente, o Concello acondiciona o Espazo Fortaleza e as sendas do Miño, procedendo á limpeza, corte da herba, e outras tarefas de mantemento e conservación.




