spot_img
InicioBaixo MiñoTerras Gauda mellorará a eficiencia e sustentabilidade do viñedo participando nun proxecto...

Terras Gauda mellorará a eficiencia e sustentabilidade do viñedo participando nun proxecto europeo de robótica

Terras Gauda mellorará a eficiencia e sustentabilidade do viñedo participando nun proxecto europeo de robóticaDezaseis empresas e grupos científicos de 8 países poñen en marcha FlexiGrobots co obxectivo de desenvolver unha plataforma que combinará a intelixencia artificial, a robótica e o big data para reducir a pegada ambiental e optimizar a xestión do viñedo

A ciencia aplicada á viña para mellorar a sustentabilidade e a eficacia. Este é o camiño emprendido hai xa varios anos por Terras Gauda, que agora dá un paso máis incorporándose como socio a un novo proxecto de cooperación internacional impulsado por 16 empresas e grupos científicos de España, Países Baixos, Bélxica, Finlandia, Alemaña, Lituania, Serbia e Letonia. Unen forzas para poñer en marcha FlexiGrobots. O obxectivo: utilizar a robótica, a intelixencia artificial e o big data para aumentar a eficiencia na produción e xerar impacto positivo na conservación da contorna.

O proxecto de tres anos de duración, liderado por ATOS, está financiado con 7 millóns de euros polo programa marco europeo Horizonte 2020, e será validado en tres escenarios reais: viñedos, e outros dous tipos de cultivos. Unha vez máis, o campo piloto elixido en España é o viñedo de Terras Gauda. Aquí comprobarase a funcionalidade e eficiencia da plataforma aberta con aplicacións e sistemas de multi-robot heteroxéneos, robots coordinados que traballan tanto de forma aérea como a pé de campo. Do que se trata é de lograr unha ferramenta que permita realizar operacións coa máxima precisión, de forma moi localizada, tomando decisións en tempo real e baseadas na evidencia dos datos.

A interrelación e interpretación destes datos obtidos mediante intelixencia artificial é tremendamente valiosa xa que xerará coñecementos moi exactos, o que supón un gran avance na optimización dos recursos e unha mellora substancial da sustentabilidade ambiental e da calidade da uva para a produción.

A innovación científica e tecnolóxica é a aposta do presente e do futuro de Terras Gauda, comprometida con preservar o seu patrimonio vitivinícola, poñer en valor as variedades autóctonas e coa filosofía de crear viños de marcada singularidade. Desde sempre, investindo en I+D+i como vía de diferenciación.

“O piloto que se desenvolve para viñedos en España conta coa participación de Seresco, compañía líder en solucións software; Terras Gauda, un dos principais grupos adegueiros españois; a prestixiosa Universidade de Wageningen, centrada na alimentación saudable e medio ambiente, e o CSIC, que participa a través do Centro de Automática e Robótica ( CAR-CSIC- UPM)” explica Ángela Ribeiro, investigadora científica do CSIC, xefe do Grupo de Percepción Artificial do CAR-CSIC- UPM e directora técnica do proxecto FlexiGroBots.

Terras Gauda celebra o 30 aniversario da súa primeira colleita

Pola súa banda, o director enolóxico de Terras Gauda, Emilio Rodríguez Canas, considera que o progreso para a adega é notable con respecto ao proxecto de viticultura de precisión Foodie posto en marcha en 2014. “Se no seu momento xa nos situamos á vangarda do sector vitivinícola nacional, agora o paso é de xigante pola capacidade e versatilidade dos robots para realizar diferentes tarefas no viñedo, como a vixilancia e detección de enfermidades, o tratamento preciso e localizado destas, e o apoio aos vendimiadores nos labores de recollida da uva; todo iso cunha exactitude máxima”.

Consorcio multidisciplinar
FlexiGroBots reúne a un consorcio multidisciplinar composto por 16 organizacións e empresas de 8 países, con diferentes áreas de coñecemento para construír a plataforma e os seus servizos, definir a folla de roteiro de validación e as actividades nos tres pilotos reais. O proxecto tamén proporcionará un informe consolidado sobre a ética de intelixencia artificial no sector agroalimentario, baseado en todo o aprendido ao longo da execución do proxecto.

A plataforma e os seus diferentes compoñentes demostraranse e validarán en tres escenarios que expoñen distintos niveis de complexidade en canto aos cultivos, o número e os tipos de robots utilizados e, doutra banda, as diferenzas en relación coas rexións xeográficas, as condicións meteorolóxicas e as normativas nacionais.

Os socios son Atos (España), CSIC (España), Seresco (España), Bodegas Terras Gauda (España), Centre for European Policy Studies – CEPS (Bélxica), Wageningen University & Research (Países Baixos), International Data Spaces Association – IDSA (Alemaña), BioSense Institute (Serbia), Zeleni hit (Serbia), Art 21 (Lituania), AgriFood Lithuania, Agrosmart (Letonia), Probot OY (Finlandia), Natural Resources Institute Finland – LUKE (Finlandia), VTT Technical Research Centre (Finlandia), e MTECH Dixital Solutions (Finlandia).

- Publicidade -spot_img