spot_img
InicioGaliciaMáis de 50 colectivos manifestaranse en Santiago contra a invasión eólica en...

Máis de 50 colectivos manifestaranse en Santiago contra a invasión eólica en Galicia

Máis de 50 colectivos manifestaranse contra a invasión eólica en GaliciaUns 50 colectivos e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais de toda Galicia, entre organizacións convocantes e adheridas, fan un chamado a toda a sociedade galega para que participe na Gran Marcha contra a invasión eólica de Galicia que terá lugar o vindeiro sábado 5 de xuño en Santiago de Compostela, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente.

As entidades convocantes expuxeron o pasado venres en rolda de prensa, que o principal obxectivo desta manifestación será “expresar o amplo e contundente rexeitamento do pobo galego a un modelo de desenvolvemento eólico imposto e colonial que converte a Galiza, unha vez máis, nun territorio de sacrificio para favorecer as ansias especulativas e de negocio do oligopolio enerxético, coa conivencia da Xunta e do Estado“, indicou Roi Cuba de ADEGA.

Participou tamén na rolda Jessica Rey, da Rede Galega por un Rural Vivo, dando voz aos colectivos de afectados/as, quen alertou de que o actual modelo eólico está a ser un motor de despoboamento do rural. Advertiu de que a produción galega con enerxías renovábeis (eólica e hidroeléctrica) xa supera o consumo actual, exportando arredor do 30% da electricidade que xenera, contando co 14% da potencia eólica instalada no Estado e a maior densidade de aeroxeradores por km2 de Europa. “Un desenvolvemento eólico que nunca tivo en conta a opinión da veciñanza nin do rural”, afirmou Jessica.

Manuel Da Cal da FRUGA lembrou que “o modelo colonial que se está a seguir agora coa implantación eólica xa o sufriu Galiza coas celulosas, as centrais hidroeléctricas e a minaría, polo cal os beneficios non fincan nos propietarios das terras, senón nas mans das grandes multinacionais”. Pola súa banda, Paulo Carril da CIG engadiu que estas empresas están aproveitando como escusa a transición ecolóxica para facer o seu particular “lavado verde” sen ter antes compensado os danos ambientais que exerceron sobre o territorio, e que este “non é verdade que as renovábeis, tal e como se están concibindo, vaian xerar milleiros de postos de traballo”.

Falou dos impactos da enerxía eólica o voceiro da Rede do Patrimonio, Santi Llecha, quen advirte da “falta dunha avaliación rigorosa da afección destes macroproxectos sobre o patrimonio material e inmaterial que se conserva nas perimetrais dos parques eólicos”.

A marcha sairá da Alameda de Compostela día 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente,  ás 12 horas e acabará na Praza do Obradorio, onde se dará lectura o manifesto

Nos actuais parámetros, aseguran estes colectivos que Galicia non precisa da nova vaga de megaproxectos eólicos cos que as multinacionais da enerxía pretenden inzar o país. Así pois, na manifestación do vindeiro 5 de xuño reclamarán a paralización inmediata de todos os proxectos eólicos que están en tramitación na Xunta e no Estado e que afectan ao territorio galego.

Alén da moratoria a novas instalacións, demandan “a derrogación do caduco Plan Sectorial Eólico de Galicia e das <Leis de Depredación>, -en referencia á Lei galega de fomento da implantación de iniciativas empresariais de 2017 e á Lei de simplificación adminsitrativa recentemente aprobada-, por constituír un auténtico atropelo contra os dereitos das persoas á participación pública e contra a preservación do medio natural, do patrimonio e da paisaxe.”

Manifesto por un modelo eólico racional, sostíbel e xusto

Paralelamente, no marco do actual proceso de transición ecolóxica de cara a unha economía e un sistema descarbonizados para poder afrontar a mudanza climática, os colectivos promotores do manifesto “Eólica, Así Non”, confirman que apoian as enerxías renovábeis, incluída a eólica, mais non á costa da destrución do territorio. Reclaman o desenvolvemento dun novo modelo enerxético e de implantación da enerxía eólica en Galicia que sexa descentralizado, baseado na soberanía enerxética, no fomento do aforro, da eficiencia enerxética e do autoconsumo, e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega.

Os colectivos promotores do manifesto “Eólica, Así Non”, confirman que apoian as enerxías renovábeis, incluída a eólica, mais non á costa da destrución do territorio

Segundo declaran os colectivos promotores da marcha, o “xeito en que o actual goberno da Xunta de Galicia concibe e permite a implantación eólica no país está fundamentado na desregulamentación legal, no abuso das empresas enerxéticas ás poboacións afectadas, na destrución do patrimonio público e colectivo, tanto ambiental, cultural como paisaxístico, e en intereses de carácter privado e especulativo.”

As máis de 20 entidades convocantes da gran marcha contra a invasión eólica expoñen neste manifesto as dez premisas fundamentais que se han de seguir no deseño dun novo marco normativo para o desenvolvemento eólico de Galicia. Entre estas destacan: a moratoria urxente dos novos proxectos e a derrogación do plan sectorial eólico, a protección dos servizos ecosistémicos chaves para afrontar a loita climática, a soberanía enerxética, a ampliación da Rede Natura 2000, o estrito cumprimento da normativa ambiental, o fomento do autoconsumo, un trato xusto para as comunidades afectadas e para o rural ou a participación pública efectiva.

O manifesto “Eólica, Así Non” permanecerá aberto ata o Día Mundial do Medio Ambiente a novas adhesións de colectivos, entidades ou plataformas que apoien as súas reclamas e o obxecto da manifestación do día 5 de xuño en Santiago de Compostela. Poderán achegar o seu apoio a través do seguinte formulario: https://forms.gle/tT96JwRjJkZh5dKG6

- Publicidade -spot_img