A tempada de vela solta amarras en augas de Baiona co Trofeo Infinitus Rent 

tempada-vela-solta-amarras-augas-baiona-co-trofeo-infinitus-rentO Monte Real Club de Yates inaugura a tempada de regatas cun campionato de seis xornadas no competirán en exclusiva os monotipos J80. Esta é a primeira das 15 competicións que o club ten programadas no seu calendario deportivo de 2018

A tempada de vela de 2018 solta amarras este fin de semana en Baiona coa celebración do Trofeo Infinitus Rent, a tradicional liga de inverno do Monte Real Club de Yates na que, un ano máis, volverán competir en exclusiva veleiros da clase J80.

Durante seis xornadas, os días 13 e 27 de xaneiro, 10 e 24 de febreiro, e 10 e 24 de marzo, os monotipos disputaranse, en diversos puntos da baía baionesa, unha serie de percorridos barlovento sotavento que deseñará un comité de regata con Fernando Giraldo á fronte. Cun máximo de catro tripulantes para realizar as manobras a bordo e a posibilidade de incluír a un quinto tripulante como observador, os J80 navegarán en frota e competirán en tempo real. As puntuacións quincenais irán sumando para a clasificación final da que sairá o gañador do campionato.

Na anterior edición da liga de Inverno do Monte Real resultou gañador o Okofen de Javier da Gándara, que regateou coa súa tripulación habitual, formada por Diego Fernández, Jaime da Gándara e Hugo Ferreiro; e sentenciou a competición con catorce primeiros postos nas dezaseis probas disputadas. O segundo posto foi para o Miudo by Storax, un barco con acento portugués polo que pasaron varias tripulacións; e o bronce para o Virazón de Miguel Lago, outro dos habituais nos podios das competicións de J80 en Galicia.

A liga de Inverno Clase J80 do Monte Real Club de Yates está patrocinada, este ano, por Infinitus Rent, unha empresa nada da unión de catro sociedades comercializadoras de renting tecnolóxico en España. Con máis de 7 anos de experiencia no sector e unha facturación anual que rolda os 12 millóns de euros, Infinitus Rent preséntase como unha oportunidade para investidores que queiran obter unha óptima rendibilidade a medio prazo.

Na rolda de prensa de presentación do trofeo, celebrada esta mañá en Baiona, o Director de Desenvolvemento de Negocio de Infinitus Rent, Alberto Rodríguez, asegurou que “ a sa competitividade que se dá no mundo da vela é exemplo de como se debe actuar no mundo do deporte, e unha filosofía -dixo- extrapolable a numerosos aspectos da empresa”. Foron eses valores os que, segundo afirmou, leváronlles a apoiar dous das propostas do Monte Real: a liga de Inverno Clase J80 e o Vertiatlón Solidario, co que o club recada fondos para a súa Escola de Vela Adaptada para persoas con discapacidade.

Presentación regata Infinitus MRCY 2018-1Na presentación tamén interviñeron o presidente e vicepresidente do Monte Real, José Luis Álvarez e Alejandro Retolaza; o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Yolanda Lesmes; e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.

A primeira das 15 competicións da tempada 2018 O Trofeo Infinitus Rent é a primeira das 15 competicións que o Monte Real Club de Yates ten programadas no seu calendario deportivo de 2018. Entre as citas máis importantes desa programación cabe destacar o Campionato de España da clase J80, que se celebrará a finais de abril enmarcado no tradicional Trofeo Repsol. Destaca tamén o regreso da Baiona Angra Atlantic Race, e a celebración, un ano máis, de dous das citas máis importantes da vela en España, o Trofeo Conde de Gondomar e o Trofeo Príncipe de Asturias. A entrega dos Premios Nacionais de Vela, o Campionato Galllego de Solitarios e A Dous ou o Vertiatlón Solidario son outros dos eventos que o Monte Real organizará un ano máis en Baiona.

 

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies