spot_img
InicioPontevedra e ÁreaTeatro no Museo de Pontevedra

Teatro no Museo de Pontevedra

Teatro no Museo de PontevedraO 20 de setembro comeza un ciclo teatral de tres pezas que terán lugar no salón de actos do Sexto Edificio a partir das 20 h. A primeira actuación será a do Grupo Arume Teatro, que interpretará a obra A farsa de Bululú, escrita por Manuel María.

A farsa de Bululú (1970), de Manuel María, é unha sátira que fai referencia á situación política no franquismo. Deste xeito, tras o Bululú, o Gran Mariscal e a Raíña Facunda están Franco, Carrero e demais personaxes do réxime. Esta farsa, que bebe das fontes satíricas da tradición galego-portuguesa das cantigas de escarnio e maldicir e na que se critica claramente ó exército, tamén ten claras referencias ás obras de Valle-Inclán e de Lorca.

O Grupo de Teatro Arume naceu na primavera de 1978 e desde aquela vén representando obras tanto en galego coma en castelán, de carácter laico e relixioso. No ano 1985 o grupo asina un convenio coa Deputación e comeza a actuar en circuítos organizados por esta institución. En 1989 representou a Pontevedra na XIII Mostra de Teatro Afeccionado Galego-portugués, na localidade de Medeiros, e desde 1981 participa nas Xornadas de Teatro Afeccionado organizadas polo Concello de Pontevedra. No 1985 Arume foi recoñecido oficialmente como Agrupación Cultural, que os posibilita para organizar outras actividades a maiores do teatro.

No ano 2003 fóronlle concedidas a mención honorífica e a medalla de ouro da Confraría do N. P. Xesús do Silencio, Virxe da Amargura e Cristo da Fe de Vigo, así como o diploma de honra e a medalla de ouro ó mérito cultural da Federación Provincial de Comercio de Pontevedra. Esta asociación forma parte da Guía Oficial de Teatro, Música e Danza de Galicia.

As próximas representacións deste ciclo teatral son:

18 de outubro
Grupo 105 Besos Teatro, Verbas de Muller

15 de novembro
Grupo Armadiña Teatro, Saúde Private Hospital

- Publicidade -spot_img