Os días 29 e 30 de xaneiro teremos ocasión de asistir en Pontevedra, no Sexto Edificio, á adaptación ó teatro de marionetas de “Os vellos non deben de namorarse”, a célebre obra de Castelao da que neste ano se cumpre o 75 aniversario da súa estrea en Buenos Aires
Neste ano 2016, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é o artista homenaxeado pola Real Academia Galega de Belas Artes coincidindo coa celebración do centenario da súa chegada a Pontevedra e co 75 aniversario da estrea en Buenos Aires da súa única obra de teatro, Os vellos non deben de namorarse.
Por todo isto, pero moi especialmente pola estrea desta obra singular da dramaturxia galega, pois, en palabras do propio Castelao foi unha obra “maxinada por un pintor e non por un literato”, chega ó Museo a versión adaptada ó teatro de marionetas deste clásico da man de Fantoches Baj, Compañía Galega de Comedias.
Con ela non só se pretende achegar esta traxicomedia ó público galego senón amosar que marionetas e adultos non son dúas cousas incompatibles; nunha montaxe escénica axustada ás intencións orixinais do autor tanto no deseño dos monicreques como na escenografía.
Fantoches Baj representará no salón de actos do Sexto Edificio, tres funcións en total, que serán a estrea deste
espectáculo. O día 29 de xaneiro pola mañá celebraranse dous pases unicamente para os centros educativos que previamente se inscriban. O sábado 30 ás 12:00 h terá lugar o terceiro aberto a tódolos públicos, quen desexe participar deberá achegarse ó Sexto para retirar os billetes que estarán a súa disposición a partir do martes 19 de xaneiro, no horario de apertura do Museo.
DOUS PASES PARA CENTROS EDUCATIVOS Destinado ó alumnado de 3º e 4º da ESO e Bacharelato . Venres 29 de xaneiro Sexto Edificio Participantes: un máximo de 55 por centro escolar 1º pase: de 10 a 11 h 2º pase: de 12 a 13 h Entrada de balde É preciso inscribirse a través do Gabinete Didáctico do Museo, no teléfono 986 804 100extensión 42413 ou na dirección de correo-e: gabinetedidactico.museo@depo.es (en horario de luns a venres de 8:00 a 14:30). PASE LIBRE PARA TODOS OS PÚBLICOS Sábado 30 de xaneiro Sexto Edificio 12:00 h Entrada de balde. A partir do día 19 de xaneiro poderán retirarse os billetes no Sexto Edificio. | |




