spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA subdelegada do Goberno preside a primeira reunión do xurado do I...

A subdelegada do Goberno preside a primeira reunión do xurado do I Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero

subdelegada-do-goberno-preside-primeira-reunion-do-xurado-do-i-concurso-escolar-violencia-xeneroA subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, presidiu a primeira das reunións do xurado do I Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero.

O prazo de presentación finalizou o día 6 de novembro e o xurado debe seleccionar, de entre 509 traballos entregados, as 12 obras gañadoras nas categorías de debuxo-pintura (312 traballos presentados) e relato curto (197 traballos presentados). O veredicto coñecerase nunha segunda reunión a próxima semana.

O xurado está conformado pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz; a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, Mª Paz Pérez; o xefe territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares; o inspector xefe da Consellería de Educación en Pontevedra, Manuel Torres; os pintores Antón Pulido, Jaime Fariña Falcón e Marisa Miguélez; o director da editorial Galaxia, Francisco Castro; o catedrático de Lingua Castelá, escritor e crítico literario, José Montaña Louzao; e o catedrático de Lingua Galega, ex profesor da USC e inspector de Educación, Modesto Hermida.

Organizado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra, é un certame provincial de debuxo-pintura e relatos curtos. O obxectivo non é outro que, por unha banda, fomentar a creación literaria e artística e impulsar a creatividade e a imaxinación; e, por outro, incrementar a concienciación e sensibilidade dos escolares ante esta gran secuela social. Por tanto, valoraranse aqueles debuxos e relatos cuxa temática sexa a violencia de xénero e a igualdade entre homes e mulleres.

Os gañadores das dúas categorías (categoría 1: alumnado de FP Básica, FP Ciclo Medio e ESO; e categoría 2, alumnado matriculado en FP Ciclo Superior e Bacharelato) recibirán diversos premios, algúns dos cales se farán extensivos aos centros educativos.

A entrega dos galardóns terá lugar nun acto que se celebrará o venres 24 de novembro na sede de Afundación de Pontevedra, véspera do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

No certame colabora a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, e está patrocinado por Abanca, Adeslas, Afundación, Audasa, Real Club Celta, Fundación Celta, Consorcio Zona Franca de Vigo, Dirección Xeral de Tráfico, Froiz, Editorial Galaxia, Mercadona, Centro Oceanográfico de Vigo, Orquestra Praeludium e editorial Xerais.

- Publicidade -spot_img