Tamén quere recuperar toda a rede de carreiros tradicionais da contorna do río Soutomaior, 11 de outubro de 2022
Tras a finalización do aproveitamento eléctrico do río Verdugo coa extinción da concesión e a parada completa da actividade na presa coñecida como o Salto do Inferno, o Concello de Soutomaior quere agora participar no proxecto de recuperación da contorna con varias propostas, entre elas destaca a creación dun centro de educación ambiental nas antigas instalacións da factoría hidroeléctrica e recuperar a antiga rede de carreiros en torno ao río.
Así, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, reuniuse esta fin de semana co persoal técnico de Alterio Enxeñería, a empresa encargada por Naturgy de redactar o proxecto de recuperación do río. No seu encontro, o Alcalde destacou “a oportunidade que brindan estas instalacións para que as xeracións futuras poidan visitalas e aprender sobre o impacto natural que ten a industria e o custo ambiental da enerxía. Esta estación hidroeléctrica unha parte da nosa historia, coas súas cousas boas e malas. Sempre será mellor aprender dela que tirala abaixo e facer coma se nunca estivese aí”.
Do mesmo xeito, Reguera remarcou a importancia de recuperar a rede de antigos carreiros na contorna do río. Camiños que tradicionalmente servían aos veciños do municipio para acceder ao río para pescar e gozar dos seus momentos de lecer. “Recuperar a contorna natural do Verdugo non é só restaurar o leito do río, tamén é devolver esta paraxe aos veciños para o seu gozar e conservación”, apuntou o alcalde.