O proxecto finaliza en maio coa celebración da II Feira de Ciencias Municipal Soutomaior, 09 de febreiro de 2023
O Concello de Soutomaior presentou esta mañá a segunda edición do seu programa “Divulgaciencia”, un proxecto educativo destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre os mozos do municipio. A iniciativa inclúe actividades como talleres de tecnoloxía, xornadas de xogos científicos, visitas guiadas para experimentar na natureza e a celebración da segunda Feira de Ciencias de Soutomaior, entre moitas outras.
O acto de inauguración contou coa participación do alcalde, Agustín Reguera, e a edil de Educación, Fátima Vidal. Así, segundo indicou Reguera, o obxectivo principal da iniciativa “é fomentar a vocación pola experimentación e a curiosidade científica entre a mocidade do municipio e promover a participación equitativa e plena da muller nos ámbitos tecnolóxicos”.
O programa conta con diferentes actividades organizadas no Multiusos de Arcade e nos propios centros educativos. Desta maneira os mozos participarán en diversos talleres nos que practicarán cos softwares máis modernos en intelixencia artificial como ChatGPT3 ou DALL-E2, aprenderán a importancia social e profesional da tecnoloxía moderna con ferramentas de Big Data e participarán en saídas nas que poderán experimentar a ciencia detrás da natureza e utilizala para analizar a incidencia do ser humano no medio ambiente.
O punto e final do programa será o 4 de maio, día no que se celebrará a segunda Feira de Ciencias de Soutomaior. Nela expoñeranse os proxectos realizados polo alumnado participante, ofreceranse visitas guiadas ao público en xeral e celebrarase unha pequena festa animada por un espectáculo científico moi divertido no que se analizan as claves da evolución humana facendo ao público reflexionar sobre temas de actualidade.