A concelleira de Urbanismo, Yolanda Rodríguez, supervisou hoxe nos xardíns de Troncoso, xunto á empresa adxudicataria e técnicos, o lugar onde se van realizar as obras de acondicionamento que comezarán o próximo luns 23 de setembro.
As obras que están financiadas ao abeiro do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, teñen un prazo de execución de mes e medio, sendo o seu obxectivo, rexenerar este espazo público situado no Paseo Familia Álvarez Blázquez que comunica o céntrico Paseo da Corredoira coa rúa Antero Rubín. A zona sobre a que se vai actuar era un dos antigos baluartes da muralla da cidade polo que as actuacións a realizar contarán cun control arqueolóxico durante a obra.
O novo deseño a executar nas próximas semanas busca potenciar a condición de lugar tranquilo, rodeado de natureza, deste espazo ao tempo que crear un espazo sensitivo coa combinación de árbores de sombra coma tilos con céspede e plantas aromáticas coma lavanda, tomillo, santolina, salvia e setos de buxo. Dotarase a todos os xardíns de sistema automático de rego.
Os elementos existentes na actualidade coma a balaustrada de pedra, as pérgolas, a fonte, unha paxareira, e as farolas serán retiradas e depositadas na nave municipal en Guillarei para a súa recuperación e posterior uso noutros espazos. Igualmente as plantas existentes na actualidade, que serán retiradas plantaranse, noutros lugares. Manterase no seu actual emprazamento tanto o busto de Sócrates coma o monumento a Faustino Rey Romero.
As obras foron adxudicadas por importe de 49.388,06 € á empresa Excavaciones Y Construcciones Manuel Pérez Portela, S.L.
Dende o Concello de Tui faise un chamamento á poboación a respectar a zona de obras, que estará debidamente sinalizada, para evitar calquera tipo de risco mentres duren os traballos.
UN BUSTO CON MOITA HISTORIA
A efixie actual foi custeada polos veciños para substituír a que foi arroxada ao Miño en 1936.
Debaixo das augas do Miño, seguen estando, desde xullo de 1936, tanto o pedestal de sillares como a cabeza de pedra do filósofo grego que tallaran Benito Prieto Coussent e os seus alumnos de debuxo e modelado no instituto de segundo ensino.
74 anos despois unha comisión cidadá encargouse de organizalo todo para devolverlle as honras a Sócrates e a Coussent, conseguindo que o concello pagase a pedra e os medios materiais, que xunto cunha subscrición popular, custearán os 7.000 euros da réplica da escultura orixinal. Finalmente, foron os alumnos do IES San Paio os que modelaron en barro o busto, e o escultor Rosendo González tallouna en granito.




[…] Sócrates seguirá nos xardíns de Troncoso despois das obras de acondicionamento […]
Citar Comentario
Citar Comentario