Inicio Val Miñor Baiona Silva reclama en Baiona, no Día da Hispanidade, rachar co proteccionismo e...

Silva reclama en Baiona, no Día da Hispanidade, rachar co proteccionismo e liderar un novo modelo “que tenda pontes” e garanta “un futuro integrador”

Silva reclama en Baiona, no Día da Hispanidade, rachar co proteccionismo e liderar un novo modelo "que tenda pontes" e garanta "un futuro integrador"A presidenta da Deputación reivindicou a necesidade de reflexionar sobre os erros cometidos no pasado “para artellar un futuro máis integrador, equitativo, sustentable, humano, decente, xusto e feliz”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e ao decano do Corpo Consular en Vigo, Juan Vieites, celebraron no Parador de Baiona o Día da Hispanidade, no que tamén se conmemoraron os cinco séculos da fundación da cidade da Habana. Silva, destacou que “un día como hoxe ten que servirnos para pensar e reflexionar, para deternos un intre e partindo do que pasou no pasado, que non queremos repetir, construamos pensamento para un novo mundo, mellor que este, que tenda pontes, que permita artellar un futuro máis integrador, equitativo, humano, decente, xusto e máis feliz”.

Carmela Silva destacou a importancia  da suma de sinerxías fronte á confrontación no marco da sociedade multicultural e globalizada. “Debemos aproveitar todo o positivo da riqueza que trae consigo a diferenza, por iso me preocupa que haxa dirixentes que lideren políticas que pechen as portas do mundo, que se promovan políticas en pleno século XXI que fracasaron no XX”, asegurou a presidenta quen fixo referencia tamén ao proteccionismo e aos gobernos “involucionistas que están a xurdir con forza a ambos lados do Atlántico”. A este respecto, Silva amosou que “non aprendemos dos erros cometidos, non comprendemos que levantar muros e encerrarnos en nós mesmos e nós mesmas non pertence a este momento e non funciona a nivel humano, económico ou comercial”.

Fronte a esta situación, a presidenta pediu “construír un mundo que tenda pontes” e garanta “un futuro máis integrador”. “Debemos apostar por romper fronteiras, por situar ás persoas no centro da política e das decisións, e converter ao noso planeta nun espazo con futuro”. Neste eido, Carmela Silva detívose na importancia de poñer en marcha iniciativas para cumprir os retos da Axenda 2030, “que fala de centrarnos no planeta, nas persoas, na prosperidade, na paz e nas alianzas, as coñecidas 5”P´s”: Planet, People, Prosperity, Peace and Partnership”.

Sobre a Axenda 2030, a presidenta da Deputación asegurou que “dende o local podemos transformar o mundo e nós queremos converter á nosa provincia nun espazo que garanta o desenvolvemento económico global sostible e respectuoso coas persoas e co planeta”. Deste xeito destacou que “non hai futuro se levantamos muros e pomos barreiras, se nos illamos, se contaminamos e danamos profundamente o noso planeta”. Neste último caso fixo unha mención especial ao “incendio gravísimo” no Amazonas, “en pleno pulmón da terra”, e recordou as declaracións do “goberno involucionista de Bolsonaro que asegurou que non estaba sendo devastado nin consumido polo lume”. Ademais, e ao respecto, a presidenta amosou a súa preocupación por dirixentes políticos “do noso país que non entenden, nin quere entender, que calquera catástrofe sobre os pulmóns do planeta é unha catástrofe para todas e todos”.

Carmela Silva tamén asegurou que con pobreza non pode haber futuro, ao igual que non o pode haber sen igualdade. “Non hai futuro se ás mulleres nos asasinan polo mero feito de ser mulleres. Non hai futuro se as mulleres, que somos o 52% da poboación, non ocupamos a metade de todo e non estamos representadas como, por xustiza, nos corresponde”.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies