spot_img
InicioPontevedra e ÁreaSilva presenta 'DEPOcomparte', coa que concellos e clubs da provincia dispoñerán gratuítamente...

Silva presenta ‘DEPOcomparte’, coa que concellos e clubs da provincia dispoñerán gratuítamente do material da Deputación para eventos deportivos

Silva presenta 'DEPOcomparte', coa que concellos e clubs da provincia dispñerán gratuítamente do material da Deputación para eventos deportivos

A Presidenta da institución provincial asegurou que “a ferramenta informática asegura un acceso aos recursos da Deputación en igualdade de condicións e adaptado ao século XXI”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola Deputada de Deportes, Chelo Besada, e demais representantes do Goberno provincial, presentou esta mañá unha nova ferramenta informática que a institución provincial xa ten á disposición de todos os concellos e entidades e clubs deportivos da provincia de Pontevedra, “DEPOcomparte”, a través da cal poden solicitar a través da páxina web www.depo.es todo o material para eventos deportivos co que conta a institución provincial dunha maneira gratuíta.

Carmela Silva sinalou que “a iniciativa “DEPOcomparte” nace baixo a filosofía de compartir todos os recursos da Deputación de Pontevedra coa cidadanía, neste primeiro momento orientado cara ao deporte pero que irá incorporando pouco a pouco outros servizos e actuacións da institución provincial, como no caso de Turismo”. Grazas a esta ferramenta informática, “permitimos que todos os concellos, clubs e entidades deportivas da provincia que así o desexen poidan contar co material para eventos deportivos da institución provincial dunha forma totalmente gratuíta, en igualdade de condicións e dunha forma adaptada ao século XXI”, en concreto a través de dous kits que consisten en 2 podios, 2 arcos de meta, 4 “sky dancers” (voadores), 4 carpas de 3 por 3 metros e un marcador electrónico.

A Presidenta da institución provincial sinalou que “a forma de funcionamento do programa é moi importante, xa que é un modo actual: unha aplicación informática que permite axilizar todos os trámites e dunha forma moi sinxela”. Esta aplicación “DEPOcomparte”, dispoñible xa na páxina web www.depo.es, funciona “como unha central de reservas na que as persoas interesadas deben escoller as datas do evento, cubrir os campos de identificación e solicitar os materiais dispoñibles para eses días”. Non se poden facer reservar con máis de dous meses de antelación xa que “así evitamos que se poidan facer reservas para todo o ano, o que impediría que houbese un uso real por parte de todos os concellos e clubs”.

No momento no que se cubra a solicitude, “as persoas usuarias recibirán unha mensaxe instantánea indicando que a solicitude foi tramitada. Esta será recibida polo persoal encargado da xestión do material, que responderá en caso afirmativo indicando a data de recollida do material e da súa devolución” ademais de indicar os compromisos que ten que adquirir a entidade receptora: devolver o material no mesmo estado no que se entregou e no prazo previsto, asumir os gastos de reparación no caso de que se produzan deterioracións graves, responsabilizarse da instalación do mesmo e dos danos sobre terceiros que poidan provocar e asumir os gastos de transporte e de persoal necesarios para a recollida, instalación e retorno dos materiais. Tamén recibirán unha mensaxe no caso de que non puidesen dispoñer del, e a non recollida do material na data e hora definida pola Deputación de Pontevedra unha vez concedido o préstamo suporá a aplicación de penalizacións en reservas futuras.

A Presidenta provincial, Carmela Silva, sinalou que “no 99% dos casos nos que se pida o material, que se entregará en condicións axeitadas para o seu uso, poderase dispoñer del grazas a que temos eses dous kits. Xa fixemos un estudo antes de poñer en marcha o proxecto, unha análise de cómo funciona que cumpriu ao 100% con todas as demandas que se nos teñen formuladas”. Ademais, á hora de recibir a resposta afirmativa, as entidades e concellos “recibirán asesoramento para a utilización e retirada do material, e ademais unicamente se terán que encargar do transporte e persoal necesario para a recollida, instalación e retorno do mesmo”.

Carmela Silva asegurou, ademais, que “cando chegamos á Deputación formulamos unha forma diferente de facer as cousas, e isto é unha mostra diso. Ata agora os recursos que existían na Deputación estaban á disposición da cidadanía dependendo directamente das decisións tomadas polo anterior Presidente”. Pola contra, declarou, “todo o hai que facer con criterios obxectivos e estruturas coas que todas as entidades teñan dereito a solicitalo, e sendo posto á súa disposición dunha forma obxectiva, transparente e adaptada aos novos tempos”. Neste senso, Carmela Silva agradeceu á Deputada de Deportes, Chelo Besada, polo “cambio radical que se lle deu á área de Deportes, modernizándoa e facendo bases transparentes, claras e con criterios obxectivos que permiten un reparto xusto dos recursos” e adiantou que en breves “presentarase o Plan Estratéxico de Deportes no que estruturamos a política deportiva da Deputación para toda a provincia, un plan elaborado en colaboración con todo o sector deportivo, que participou moi activamente”.

- Publicidade -spot_img