O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na sesión académica solemne de conmemoración do centenario da Escola Veterinaria de Galicia, acto no que salientou o avance da Veterinaria nos últimos 30 anos desde a creación da súa Facultade na cidade de Lugo, o único centro do campus lucense que conta con homologación europea, o que aumenta o seu prestixio fóra de Galicia e a converte no centro universitario con maior porcentaxe de alumnado procedente de fóra da nosa comunidade.
Román Rodríguez salienta o avance da veterinaria en Galicia ao abeiro da facultade de Lugo e do investimento de máis de catro millóns no Cebiovet
Neste sentido destacou o compromiso da Xunta con esta Facultade, a través do maior investimento de toda a lexislatura en materia universitaria, máis de 4 millóns de euros, para a construción do no Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET). Así mesmo, lembrou a próxima sinatura do convenio de colaboración coa USC para a posta en marcha do plan de actuación do Campus Terra, ao que se destinan 1,3 millóns de euros. Unha forte aposta da Consellería de Cultura e Educación que converte á Facultade e ao campus de Lugo nun polo de desenvolvemento e innovación neste eido, fundamental para Galicia.
O acto, organizado pola Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, conmemora o centenario do Pazo do Hórreo, construído a comezos do século XX para albergar a Escola de Veterinaria con anexos destinados a estación pecuaria e granxa agrícola de experimentación. A sesión celebrouse no Edificio San Clemente (actual IES Rosalía de Castro), no que se instalaron os primeiros locais da escola ata a inauguración do Pazo do Hórreo en 1915.
Ademais do conselleiro, participaron na conmemoración o presidente da Academia, José Luís Factor; o secretario xeral da Academia de Ciencias Veterinarias de Castela e León, Francisco Antonio Rojo Vázquez; o presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Xosé Uxío Rey e a presidenta do Colexio de Veterinarios de Lugo, Ana Mª López Pombo, entre outras autoridades. O acto completouse cunha charla de Alberto Portela sobre o edificio do Hórreo, outra de José Manuel Martínez arredor da cultura gastronómica e coa proxección de películas de Fernando Camarero sobre a gandería galega.




