
A actividade, organizada dende o Servizo de Normalización Lingüística do Concello, pretende promocionar entre os máis pequenos a cultura galega e ampliar o léxico propio do Nadal
O Concello de Nigrán, a través do recén creado Servizo de Normalización Lingüística, recupera para este Nadal a figura mitolóxica do “Apalpador” mediante un certame de cartas dirixido aos escolares de Infantil e Primaria do municipio. O obxectivo é promocionar a cultura galega e o noso idioma, xa que consiste en propoñer palabras en galego relacionadas con esta época do ano. O prazo para participar arranca este luns e finaliza o 20 de decembro, debendo os interesados depositar a súa carta no buzón habilitado para tal fin en cada centro educativo, na Casa do Concello ou na Biblioteca Municipal. Á volta das vacacións entregaranse os premios (un por categoría) e o Apalpador responderá a tódolos participantes entregándolles ademáis un pequeno agasallo.
O “Apalpador” e unha figura lendaria do interior de Galicia, trátase dun home de pelo vermello que durante todo o ano traballa de carboeiro e que, durante o Nadal, cando chega a noitiña, vai polas casas apalpando as barriguiñas dos nenos para ver se comeron ben durante todo o ano. Aos que teñen o bandullo cheo, por seren bos comedores entregalles un agasallo. Nesta ocasión, o Apalpador advirte de que tamén vai apalpar a cabeza dos nenos de Nigrán para saber cantas palabras coñecen en galego relacionadas co Nadal, porque ten a impresión de que son moi poucas. Por iso invita aos rapaces a que lle escriban unha carta na que recompilen estas verbas, podendo facer debuxos para ensinarlle mellor o significado.
As bases do certame son as seguintes:
1-Só se pode presentar unha carta por persoa
2- Terán que estar escritas en lingua galega
3-Valorárase tanto o texto como as ilustración que acompañen.
4- Estableceranse catro categorías:
– Educación Infantil
– Primeiro e Segundo de Primaria
– Terceiro e cuarto de Primaria
– Quinto e sexto de Primaria
5- As cartas depositaranse nas caixas do correo do Apalpador, que estarán nos colexios, na Casa do Concello e na Biblioteca.
6- O apalpador contestará a tódalas cartas que participen no concurso, polo que os datos deben estar moi claros: nome e apelidos, curso e colexio e enderezo e teléfono de contacto.
7-Haberá un premio por cada categoría e enviarase á volta de vacacións
8- O xurado estará formado polo Apalpador e por tres persoas do Concello que axudarán a tomar esta decisión.



