O Concello de Sanxenxo quere dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio do municipio a través de paneis interpretativos cun código QR que conteña un vídeo explicativo das lendas e ritos asociados ao Con dá Ventureira, Con da Romaíña, A Lanzada e o Chan da Gorita.
O obxectivo é achegar a veciños e visitantes a riqueza patrimonial do municipio de forma interactiva e tamén a través de catro paneis de materiais resistentes á intemperie e o vandalismo, harmonizados coa contorna natural.
O proxecto valorado en case 7.500 euros acaba de recibir unha subvención da Deputación de Pontevedra.
Os vídeos terán duracións diferentes e tratarán distintos temas. Así, o Con dá Ventureira durará 5’32’’ e o Con da Romaíña, 6’ 40’,’ nos que se abordará a mitoloxía e etnografía, A Lanzada, 4’ 50’,’ nos que se tratará a historia, a etnografía e a arqueoloxía e o Chan da Gorita, 2’ 55’’, nos que se falará do seu valor arqueolóxico e etnográfico.
Desde o Concello explican que deste xeito, “quérese aumentar a oferta de roteiros e de bens patrimoniais visitables que ofrece Sanxenxo, facendo especial fincapé na revalorización do patrimonio inmaterial para aumentar e diversificar a oferta cultural. En definitiva, usar o patrimonio cultural como un catalizador para un maior dinamismo económico e como factor de desenvolvemento local, tanto no cultural como no económico e turístico.”