A vila consagrou unha capela na súa honra que posúe un retablo con referencias á Virxe da Expectación da catedral de Tui, dous lenzos únicos e unha mostra da propia mártir.
“Santa Liberata e as súas irmás xemelgas Xenebra, Victoria, Eumelia, Xermana, Xena, Marciana, Basilisa, Quiteria e a súa nodriza Sila. Virxes e mártires, fillas de Baiona, sufriron martirio durante a persecución do emperador Adriano contra os cristiáns no s. II. Santa Liberata foi a primeira muller cristiá que morreu na cruz”.
Estas palabras corresponden á inscrición sita na entrada da capela de Santa Liberata de Baiona, construída na praza homónima para venerar a esta mártir crucificada no ano 139 en Cattaleucos (Alentejo, Portugal) ao desoír as ordes do seu pai, o maxistrado en Braga Lucio Catelio, de abandonar a fe de Cristo.
A placa lembra así a orixe deste santuario que abriga pezas de gran valor artístico datadas do século XVIII: o retablo que preside a nave, os lenzos dos altares laterais, a porta que protexe a entrada e a reliquia da santa.
Vida tráxica e gloriosa
O retablo do altar maior débese ao escultor redondelán Antonio del Villar, artífice á súa vez da maxistral obra barroca da catedral de Tui: o marco de veneración da Virxe da Expectación (1722-1728). Este conxunto serviralle de referente para a realización do retablo de Santa Liberata. O deseño acometeuno o maxistral da catedral de Tui, Xoán Hermida e Puga e a súa construción concluíu en 1739.
Filla de Baiona, faleceu na cruz por seguir a fe cristiá contra a vontade do seu pai
A obra representa a gloriosa e tráxica historia das nove fillas de Lucio Catelio. Villar outorga un gran protagonismo á banda central do retablo, en cuxo centro presenta a crucifixión da mártir coas súas irmás a ambos lados e a ama de cría, Sila, á sombra da peculiar árbore na que se sosteñen as virxes.
Nas bandas laterais, reducidas á mínima expresión, pódense ver senllos medallóns con escenas da vida das mártires e, sobre os relevos, sitúanse San Pedro e San Pablo no primeiro corpo e Santa Bárbara e Santa Apolonia no segundo.
Sobre a mesa do altar disponse a porta do sagrario, na que se observa unha custodia co viril en forma de sol. No ático apréciase unha gran figura de Santiago Matamouros loitando contra tres infieis. E na clave do arco que pecha o retablo, aséntase o escudo de armas da vila.
18 anos da restauración
Conta don Domingo Cameselle, autor do libro ‘Capilla de Santa Liberata. Bayona la Real’, e reafirma don Manuel Salcidos, sacerdote da parroquia de Santa María de Baiona, que a Nai María Antonia de Xesús, rezaba todos os días ante o lenzo da Virxe do Carme situado no santuario, dende 1714 ata 1730, época na que residiu na vila. “Os primeiros hábitos tomounos ante este cadro”, subraia don Manuel. Posteriormente, María Antonia deixaría Baiona para dedicar a súa vida a Deus e en 1748 fundaría o primeiro Carmelo de Compostela.
Esta historia é especialmente relevante porque nos permite situar no tempo tanto este lenzo como o de San Francisco Xavier. “Probablemente se traten de traballos de taller feitos por encargo e naquela época non se adoitaban firmar este tipo de obras”, sinala Marta Tosete, responsable da restauración dos lenzos levada a cabo 18 anos atrás. A experta considera que o cadro da Virxe do Carme ten unha “temática única” porque tamén representa á Virxe da Misericordia, co seu manto protector estendido sobre homes e mulleres carmelitas.
No caso de San Francisco Xavier, faise alusión á predicación no Extremo Oriente xa que, segundo recolle o volume ‘Artistas Galegos Escultores’, “en 1726 Baiona era o primeiro porto europeo en coñecer a noticia do descubrimento das Indias”.
Dos tres meses que se prolongou a restauración, Tosete recorda as dobreces que atopou ao limpar o lenzo da Virxe do Carme. “Parecía que estivera bastante tempo dobrado coma un mantel. Supoño que sería durante a Guerra Civil española”. De San Francisco Xavier destaca unha queimadura “xusto no centro do lenzo que debeu facerse cun cirio” e a dificultade que supuxo a súa reintegración.
Protectores da Igrexa
Outra das pezas salientables de Santa Liberata é a porta de acceso (s. XVIII). Dous arcanxos custodian a entrada á igrexa: á dereita, San Rafael -ao que lle falta o seu inseparable bastón- e á esquerda, San Miguel, cunha balanza, emblema de equilibrio e xustiza. “O nome de San Rafael significa ‘Medicina de Deus’ e o de San Miguel ‘Quen como Deus’. O primeiro representa o ben, e aos seus pés está o demo, símbolo do mal”, comenta don Manuel. A presenza dos arcanxos responde á devoción pola súa misión e á protección da Igrexa. As restantes figuras que forman parte da porta responden a personaxes bíblicos.
Dimensións atípicas
A reliquia da mártir tamén é un elemento fundamental. Trátase dun óso do brazo da propia Santa Liberata traído dende a catedral de Sigüenza (Guadalaxara), onde se conserva o seu corpo. O párroco don Manuel Salcidos subraia o valor da mostra atendendo ao seu gran tamaño: “Non é común que teña estas dimensións. Polo xeral, as reliquias soen ser estelas moi pequenas”, apunta.
A reliquia do santuario é unha peza de óso pertencente á virxe e que procede de Sigüenza, onde se conserva o seu corpo
O óso consérvase nun relicario de prata con forma de brazo e só se pode ver cando sae en procesión coa imaxe da virxe o día 20 de xullo, data na que se honra a Santa Liberata.
Arquitectura e pedra
O culto a Santa Liberata iniciouse na diocese de Tui en 1564, popularizándose en Baiona na época barroca. En 1688 o concello solicitou unha reliquia da catedral de Sigüenza e en 1695 concedéuselle a licenza para construír “unha capela santuario dedicado á gloriosa virxe e mártir Santa Liberata”, natural e paisana da vila de Baiona. A obra, realizada por subscrición popular, erixiuse baixo a dirección de José Domínguez Bugarín e Marcial González e finalizou en 1701.
Na arquitectura do templo domina un estilo italiano bastardo, reminiscencia do toscano, con mestura do plateresco. A fachada principal está flanqueada por dúas torres de base cuadrangular. No frontispicio, sobre o lintel da porta, hai unha fornela que acolle a imaxe en pedra de Santa Liberata na cruz. A ambos lados, sitúanse dous escudos: o de Castela e León e o de Baiona, un dos máis antigos da vila dos que se ten referencia.
*Reportaxe incluída no nº4 (2014),da nosa revista COUSAS DE Val Miñor
Por Silvia Camesella









