spot_img
InicioReportaxesRosalía de Castro, unha historia apaixonante

Rosalía de Castro, unha historia apaixonante

rosalia-de-castro-unha-historia-apaixonante
Monumento adicado a Rosalía na Alameda de Santiago de Compostela

A vida de Rosalía é unha historia realmente apaixonante, chea de interese histórico, cultural e intelectual. O seu relato é entender desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga as claves sociais do seu tempo. É, asistir en primeira fila como moza en Santiago e en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo. É, seguirlle os pasos en Vigo, na Coruña, en Lestrobe… á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou orixinando a Galicia dos nosos días.

Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.

Poetisa e novelista, escribiu tanto en lingua galega como castelá. Considerada na actualidade como unha escritora indispensable no panorama literario do século XIX, representa xunto con Eduardo Pondal e Curros Enríquez unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego, non só pola súa achega literaria en xeral e polo feito de que os seus Cantares galegos sexan entendidos como a primeira gran obra da literatura galega contemporánea, senón polo proceso de sacralización ao que foi sometida e que acabou por convertela en encarnación e símbolo do pobo galego. Ademais, é considerada xunto con Gustavo Adolfo Bécquer, como a precursora da poesía española moderna.

Escribir en galego no século XIX, é dicir, na época na que viviu Rosalía, non resultaba nada fácil por un gran número de razóns, a maior parte delas ligadas ao pensamento e estruturación da sociedade do momento. A lingua galega estaba moi desprestixiada, cada vez máis distante daquela época na que fora o idioma vehicular da creación da lírica galaicoportuguesa (en forma de galaicoportugués).

Toda a tradición escrita fora perdida, polo que se facía necesario comezar desde cero rompendo co sentimento de desprezo e indiferenza cara á lingua galega. Pero poucos eran os que se expuñan a tarefa, pois esta constituiría un motivo de desprestixio social. Nun ambiente no que o castelán era a lingua da cultura, ao ser a lingua que a clase minoritaria dominante protexía, Rosalía de Castro outorgoulle prestixio ao galego ao usalo como vehículo da súa obra denominada Cantares galegos e afianzando o renacer cultural da lingua.

Biografía

Naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 nunha casa do Camiño Novo (hoxe Rosalía de Castro). Filla de María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía (1804-1862) fidalga vida a menos, e do sacerdote José Martínez Viojo (1798-1871). Bautizada na capela do Grande Hospital Real (hoxe Hostal dos Reis Católicos). Actúa de madriña María Francisca Martínez, criada da nai. O presbítero consigna na partida: “María Francisca Martínez…fue madrina de una niña que bauticé solemnemente… llamándola María Rosalía Rita, hija de padres incógnitos cuya niña llevó la Madrina y va sin número por no haber pasado por la inclusa”

Non se pode probar en que fogar -ou fogares- viviu antes de outubro de 1842. Na tradición da familia paterna asegúrase que foi coidada –sen precisar datas- polas tías María Josefa e Teresa Martínez Viojo na parroquia de Ortoño, na casa onde nacera seu pai, denominada Castro de Ortoño (lugar de Tarroeira).

Consta que en 1842 vivía en Padrón, nunha casa da Rúa do Sol (hoxe Xoán Rodríguez do Padrón), xunto con a súa nai, dona Teresa de Castro e Abadía, e a criada María Martínez. En 1850 trasládanse a Compostela, onde participa nas actividades do Liceo de la Juvendud como actriz.

En abril de 1856, Rosalía trasladouse a Madrid xunto coa familia da súa parienta María Josefa Carmen García-Lugín e Castro, en cuxa compañía habitou a planta baixa da casa número 13 da rúa Ballesta.

Posiblemente foi en Madrid, e non no Liceo, onde Rosalía coñeceu a Murguía, con quen contraeu matrimonio o 10 de outubro de 1858 na igrexa parroquial de San Ildefonso

Murguía foi a primeira das persoas que animou a Rosalía no seu quefacer literario, sendo él o responsable da publicación de Cantares Galegos.

rosalia-de-castro-unha-historia-apaixonante

Os últimos anos da vida de Rosalía transcorreron na comarca de Padrón, lugar no que se consumiu a súa infancia, así como boa parte da súa mocidade. A Casa grande de Arretén, nome popular con que se coñecía ao pazo no que nacera a súa proxenitora, xa non era da propiedade da familia, factor que propiciou que a escritora tivese que residir nas Torres de Lestrove entre 1879 e 1882 mentres o seu marido encargábase da dirección en Madrid da Ilustración Galega e Asturiana. Finalmente, trasladouse xunto coa súa familia á casa chamada da Matanza, situada na parroquia de Iria.

Fina aos 48 anos de idade o 15 de xullo de 1885.  O certificado de defunción consigna: “…a consecuencia de una degenaración cancerosa del útero”. É soterrada o día 16, en Iria Flavia, no cemiterio de Adina que ela cantara en célebre poema “O simiterio de Adina / hai duda que é encantador…”.

O 25 de maio de 1891 foi exhumado o seu cadáver e levado solemnemente a Santiago, onde foi sepultado ao día seguiente no mausoleo creado ad hoc polo escultor Jesús Landeira, sito na capela da Visitación do Convento de San Domingos de Bonaval, hoxe Panteón de Galegos Ilustres.

Follas novas

En 1880, Rosalía de Castro editou na capital española o que foi o seu segundo e último libro de versos en lingua galega, titulado Follas novas. Moitos dos poemas que compoñen o libro foron redactados durante a estancia da familia en Simancas (1869 – 1870), aínda que tamén existen algunhas creacións literarias que datan da década de 1870 e que antes de aparecer no libro xa foran publicadas na prensa. O poemario áchase dividido en cinco partes (Vaguedás, Do íntimo, Varia, Dá terra e As viuvas dous vivos e as viuvas dous mortos) de extensión variable e que non responden a unha planificación previa, senón a unha ordenación posterior á elaboración dos textos.

Cualificada como a obra máis rica e profunda de Rosalía, Follas Novas foi e segue sendo considerada por boa parte da crítica como o libro de transición entre a poesía colectiva de Cantares galegos e o radical intimismo de En as beiras do Sar, no que se dá cabida a poemas de corte popular ata creacións que tratan o paso do tempo e a morte. Tamén se caracteriza por ser unha obra que ten como transfondo unha notable intención social, que se manifesta na denuncia que a autora fai da marxinación do sexo feminino, dos nenos orfos e dos campesiños, especialmente daqueles que se viron na obrigación de emigrar ante as pésimas expectativas económicas do páís.

rosalia-de-castro-unha-historia-apaixonanteCando penso que te fuches
negra sombra que me asombras
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa
Cando maxino que es ida
no mesmo sol te me amostras
i eres a estrela que brila
i eres o vento que zoa
Si cantan, es ti que cantas
si choran, es ti que choras
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora
En todo estás e ti es todo
pra min i en min mesma moras
nin me dexarás nunca
sombra que sempre me asombras.

Negra sombra

Un dos poemas máis famosos do libro é Negra sombra, onde mostra novamente o seu pesimismo e o seu temor á morte, cun lirismo dunha extraordinaria sensibilidade. Este poema foi musicalizado por Juan Montes, que creou unha melodía de estilo alalá que intensificaba notablemente o sentimento expresado no poema, creando un dos máis belos cantos da música popular galega. A canción foi presentada por primeira vez no Gran Teatro da Habana en 1892, e desde entón converteuse nunha obra emblemática do folclore galego. Unha versión realizada en 1996 por Carlos Núñez, coa voz de Luz Casal, foi incluída na banda sonora da película Mar dentro (2005), de Alejandro Amenábar.

Fuentes: Fundación e Casa Museo de Rosalía de Castro e Wikipedia

- Publicidade -spot_img