A montaxe familiar estrearase en febreiro, protagonizada por Cristina Collazo e Rocío González e dirixida por Fina Calleja
A infancia de Rosalía de Castro é a protagonista da nova produción de Culturactiva, unha montaxe destinada a público infantil e que recrea a vida da escritora nun dos seus momentos de cambio fundamentais para a súa vida, o traslado desde Padrón a Santiago de Compostela. “Rosalía” adéntrase na infancia dunha nena fantasiosa e rebelde que imaxina o mundo e pon a xogar as palabras. Fina Calleja dirixe un texto de Nate Borrajo, interpretado por Cristina Collazo e Rocío González. “Rosalía” estrearase no vindeiro mes de febreiro e será a primeira montaxe que repara na infancia da máis importante das escritoras galegas.
A historia
Rosalía ten que deixar a aldea e marchar para Santiago de Compostela. É un cambio difícil para quen disfruta coa vida natural, para unha nena afeita a vivir poñendo a xogar as palabras e inventando mundos e ditos. Rosalía é unha nena e xa está preparada para marchar, ten os baúles preparados, pero ela non está convencida da decisión. Este é o punto de inicio de “Rosalía”, a primeira obra de teatro que ten como protagonista a infancia da principal poeta galega. A obra ten como vocación rescatar para o público máis novo a infancia da escritora, explicando o seu carácter como unha nena creativa, inconformista, lectora, activa e rebelde ás cousas que considera que non son xustas. Valores que forman parte da obra de Rosalía de Castro e que a rapazada só pode chegar desde a súa explicación adulta.
A poesía, a música e a creatividade da nena que será unha das grandes escritoras universais son os argumentos da peza para que os espectadores e as espectadoras novas se acheguen á biografía e Rosalía sen deixar o carácter infantil: xogos de palabras, música popular e o cambio de vida que a protagonista terá que facer como paso dunha etapa a outra da súa vida. Un cambio que na obra ten como reflexo unha grande parte de diversión e outra de transmitir as sensacións da protagonista coas que os rapaces de entre nove e doce anos poden sentirse identificados.
Unha equipa feminina
Desde a mesmo momento da concepción da obra, a intención é conseguir unha “Rosalía” atractiva para as nenas e nenos e ao mesmo tempo darlles algunhas chaves para ir achegándose á súa vida infantil. Tamén se trata na obra de ver como a influencia da vida cando nena ten na obra da escritora á que as espectadores e espectadores coñecerán no futuro. Para este obxectivo, Culturactiva puxo en marcha unha equipa de traballo completamente feminina, coñecedora da obra de Rosalía de Castro e experta nas montaxes de teatro infantil. O texto da escritora e actriz Nate Borrajo nace do coñecemento de Rosalía de Castro como autora e da maneira en que unha actriz pode sacar adiante ese papel entre a fantasía e a realidade. A directora da obra, Fina Calleja, ten dirixido para Sarabela algunhas das producións fundamentais da compañía ourensá para público novo. O elenco está formado por Cristina Collazo, que asumirá o papel de Rosalía nena e de Rocío González, que asumirá dous papeis, un como amiga de xogos da protagonista e outro como a súa principal coidadora. As dúas actrices teñen unha longa traxectoria na escena galega e tamén no seu audiovisual.



