O goberno de Nigrán pide á Consellería de Educación que se subrogue ao persoal contratado e que se saque a concurso o servizo de xestión de comedor incluíndo esta cociña como a instalación habilitada para os centros educativos do municipio
O Concello de Nigrán aprobou en Xunta de Goberno o proxecto para modernizar a cociña e o comedor do Humberto Juanes co obxectivo de que poida dar servizo a tódolos colexios públicos do municipio que o soliciten. O goberno vincula a realización da instalación, cun custe de 373.878 euros con cargo aos fondos municipais, a que a Xunta saque a concurso a contratación do servizo de xestión utilizando esta cociña como a única habilitada. O proxecto realizado polo estudio nigranés Aintegra contempla unha cociña suficientemente dimensionada para dar resposta a tódolos centros educativos de Nigrán que así o desexen (o CPI Arquitecto Palacios e A Galiña Azul son os únicos que dispoñen de cociña propia), así, tería capacidade para abastecer a máis de 570 usuarios, tendo os colexios de Nigrán actualmente 561 comensais asignados.
Tanto dente a comunidade educativa como dende o Concello consideran que prescindir do sistema de catering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, achegaría aos nenos á cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e crearía un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considerase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos.
Esta nova cociña ocuparía 490 metros cadrados dunha zona de almacén e de aulas actualmente sen uso e que conta cunha distribución moi pouco funcional, xa que a cociña do centro carece das instalacións e equipamento mínimo necesario para poder facer a comida, non existen cámaras nin almacén de alimentos. Así, o proxecto plantexado a dota dun equipamento acorde ás demandas actuais e renova e moderniza as instalacións de fontanería, saneamento, electricidade, renovación do aire e seguridade contra-incendios. A nova distribución contará con zona específica onde irán as novas cociñas, cámaras frigoríficas e almacéns ou zona de lavado e lixo.



