spot_img
InicioBaixo MiñoUn centenar de persoas participan no Programa Integrado de Emprego do Concello...

Un centenar de persoas participan no Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui

Un centenar de persoas participan no Programa Integrado de Emprego do Concello de TuiO alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, deron onte a benvida ao centenar de persoas que participan no Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui, concedido pola consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.  Este programa suporá un investimento superior aos 287 mil euros financiado pola Xunta de Galicia e o Concello de Tui.

No acto desenvolvido no salón de sesións da casa do concello o alcalde, Enrique Cabaleiro, salientou a aposta decidida do goberno que preside  pola mellora da empregabilidade das persoas “coa posta en marcha deste tipo de políticas activas de emprego que  supoñen un investimento municipal en canto a recursos humanos e materiais”. Engadiu que tamén  “é preciso o compromiso de cada unha das persoas participantes e do tecido empresarial para garantir o éxito do programa e que acaden emprego o maior número de persoas posible no seu remate”, xa que dicía “o voso éxito será o noso éxito”.

A concelleira de Formación e Emprego, a Ana Mª Nuñez lembrou que o Programa Integrado de Emprego ten un compromiso de lograr insertar laboralmente ao 45% das e dos participantes indicando que “a miña experiencia neste tipo de programas dime que podemos acadar porcentaxes moito mais altos coa actitude axeitada e o acompañamento dun equipo humano de profesionais·.

Hoxe mesmo comezou a desenvolverse o calendario de accións formativas na que participarán este centenar de persoas.  Así as primeiras actividades estarán orientadas ao desenvolvemento persoal coa realización de talleres impartidos por profesionais expertos en intelixencia emocional, coaching, motivación para a busca de emprego, habilidades sociolaborais e marca persoal.  Con estas accións búscase mellorar as habilidades persoais dos participantes no programa a través do autocoñecemento,  incrementando a motivación,  a autoestima  e a  seguridade nun mesmo para afrontar  o proceso de busca de emprego cunha actitude adecuada.

Ao longo das próximas semanas tamén participarán en obradoiros de entrevista, mercado de traballo,  fomento da capacidade emprendedora e novas tecnoloxías cara a busca de emprego. Accións plantexadas para brindar aos participantes ferramentas para  conseguir un emprego no presente pero tamén os recursos necesarios para o futuro.

Dentro do Programa Integrado de Emprego contemplase tamén formación en informática- básica e especializada – e idiomas tendo en conta o protagonismo que o dominio destes coñecementos teñen hoxe en día no mercado laboral.

No referente á formación específica os cursos plantexados responden aos perfís máis demandados polo tecido empresarial da contorna. Así haberá cursos de soldadura, loxística, almacén ou liña de produción, de comercio, restauración, turismo e de atención sociosanitaria. Os participantes no programa poderán realizar prácticas non laborais coas que completar a súa formación teórica.

Dende o Concello de Tui convídase ás empresas a pórse en contacto co departamento de Emprego e Formación para  poder así deseñar novas formacións específicas a impartir no Programa de Emprego das que se poidan beneficiar as empresas que precisen incorporar novo persoal.

- Publicidade -spot_img