A 25ª “Feira do Viño do Rosal” comezou onte esperando un récord de visitantes, segundo as previsións de organizadores e adegueiros. O feito de que este ano se fretasen autobuses desde Baiona e Tui para chegar ao Rosal vai favorecer aínda máis a enorme afluencia. O alcalde, Jesús María Fernández, espera roldar os 30.000 asistentes, como o ano pasado.
A nova edición abriuse coa inauguración a cargo do alcalde. A continuación tivo lugar o pregón a cargo de Rosa Ruiz, filla de Santiago Ruiz, considerado o precursor da D.O. no Rosal. No seu pregón, enxalzou sobre todo a figura de Santiago Ruiz, un home que con setenta anos foise a Madrid a defender o viño do Rosal mantendo contactos cos xornalistas da época e cualificando o viño como o “mellor do mundo”. Falou do seu pai como un namorado do viño, con carácter de visionario. tamén lembrou como foi a primeira feira, celebrada hai 25 anos no pavillón Polideportivo, e a calor que había que soportar. Finalmente interveu o Presidente do Consello Superior de Deportes, José Ramón Lete Lasa, recoñecido rosaleiro.
Dende o venres 14 de xullo até o domingo 16 os visitantes terán a posibilidade de degustar os mellores caldos das adegas da zona. O evento contará coa presenza de expertos e profesionais que salientarán as bondades gastronómicas destes produtos de excelencia baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas. Música, teatro, danza e deportes populares poñerán as cores locais a esta festa da vitivinicultura galega.
Participan diez bodegas e seis restaurantes que ofertarán a gastronomía propia da zona
Nomeada Festa Turística de Interese pola Xunta de Galicia, a feira contará cun servizo de transporte en autobús que facilitará a chegada de visitantes dende A Guarda, Tui e Baiona. Para os máis pequenos, haberá ocio e diversión con inchables e obradoiros gratuítos.



