A Residencia de tempo libre de Panxón, na localidade pontevedresa de Panxón, loce un aspecto máis moderno e xuvenil tralas obras acometidas pola Xunta nas instalacións localizadas preto da praia de Patos.
As positivas valoracións dos usuarios e o persoal púidoas comprobar de primeira man o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, quen visitou esta mañá as obras acompañado pola xefa territorial de Política Social en Pontevedra, Marta Iglesias, e a directora da residencia.
Remodelouse toda a zona de recepción e distribución da planta baixa, incluíndo o comedor, e adaptáronse os baños públicos á normativa de accesibilidade
A remodelación integral iniciouse o pasado ano coa zona de recepción e distribución da planta baixa, incluíndo o comedor, a adaptación dos baños públicos e a reparación do ascensor, para os efectos de dar cumprimento aos criterios de accesibilidade, mellorando notablemente a estética e funcionalidade do centro. Unhas actuacións que se complementaron no presente exercicio coa adaptación de catro habitacións para usuarios de mobilidade reducida, con camas articuladas e escritorios abatibles, e os seus respectivos aseos.
Tamén se executaron obras de pintura, carpintería e fontanería, mellorouse a seguridade coa instalación dunha central de alarmas e a accesibilidade exterior co nivelado de terras e a instalación dunha soleira na zona de acceso de vehículos ao centro, que presentaba dificultades de tránsito.



