spot_img
InicioPontevedra e ÁreaRemata en Pontevedra Augal 2015 cun foro aberto sobre o audiovisual galego...

Remata en Pontevedra Augal 2015 cun foro aberto sobre o audiovisual galego e a entrega de diplomas ao alumnado

Remata-en-Pontevedra-Augal-2015Augal 2015, a cuarta edición da Master Class do Audiovisual Galego, despediuse hoxe en Pontevedra cunha xornada na que se desenvolveu un foro aberto sobre a situación do sector a partir da conferencia pronunciada por Antonio Mourelos, presidente da Academia Galega do Audiovisual, e se lle entregaron os diplomas de asistencia aos alumnos e alumnas participantes.

Promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, Augal completou así un programa que desde o pasado mes de febreiro leva ofrecido un total de sete xornadas arredor de nove fitas de produción galega nos distintos xéneros audiovisuais, que contaron coa intervención dunha quincena de profesionais nas presentacións e coloquios programados.

Marcos Nine, Pepe Coira, Alfonso Zarauza, Ángel Santos, Bibi Jacob, Felipe Pena ou David Valero foron algúns dos directores e guionistas que comentaron as súas obras en Augal diante das 180 persoas que asistiron ás sesións, entre elas, os 77 alumnos e alumnas matriculados nesta cuarta edición.

‘O que somos’
O actor Antonio Mourelos, en calidade de presidente da Academia Galega do Audiovisual, protagonizou este último encontro de Augal 2015 coa conferencia titulada ‘O sector audiovisual en Galicia. O que somos’. A súa intervención deu paso a un foro aberto á participación dos presentes, no que se debullou a actual situación creativa e profesional do cinema galego.

Trala conferencia, fixeron entrega dos diplomas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do pontevedrés Campus da Xunqueira o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, ademais do coordinador de Augal, Miguel Anxo Fernández, e de Antonio Mourelos. Os diplomas, expedidos pola Agadic, son válidos como un crédito de libre configuración pola Universidade de Vigo.

Durante o acto, o director da Agadic deu por cumpridos os obxectivos do curso, no sentido de contribuír como estímulo para cantos teñen a ilusión de se incorporar ao sector como futuros traballadores do audiovisual galego.

Baixo a coordinación dos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández, Augal busca reforzar a formación complementaria sobre a produción cinematográfica galega actual dentro do ámbito universitario. Así, ao tempo que se propicia o encontro dos alumnos de Comunicación Audiovisual con destacados creadores do actual panorama cinematográfico galego, estáselle a dar visibilidade social á máis recente produción audiovisual en diferentes formatos: desde longametraxes a curtas, webseries, películas para televisión e documentais.

- Publicidade -spot_img