Un ano máis Rande revive unha das batallas navais máis importantes da historia, a que enfrontou en 1702 as tropas angloholandesas e hispanofrancesas na ría de Vigo.
Logo da celebración a pasada fin de semana do desfile polas rúas do centro Redondela, este sábo e domingo, as actividades centráronse na contorna do museo Meirande, o centro de interpretación da batalla. Mercado, postos de comida, desfiles, obradoiros e oficios tradicionais e representacións animaron a xornada co carpas que protexeron ao público da chuvia.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que esta festa “é unha das representacións históricas máis importantes do sur da provincia” e agradeceu á Asociación Cultural e Deportiva de Rande “o traballo incansable que realizan para que todo isto sexa posible”. Para a rexedora o obxectivo é “que este evento tan importante para o patrimonio histórico de Redondela sexa cada vez mellor e aumente o interese dos veciños e veciñas de Redondela e do resto de Galicia”. A Batalla de Rande, con tres días de celebracións “é un evento familiar para todos os públicos, que ofrece unha programación variada e de gran calidade”, explica a alcaldesa. Digna Rivas puxo en valor o gran traballo da ACDR para recrear “todo o ambiente do século XVIII, con representacións e referencias históricas moi coidadas e precisas”.




