Con motivo do 50 aniversario da Asociación Española Contra o Cancro investigando a enfermidade, a sede local en Redondela da Asociación Española Contra o Cancro acolle unha exposición fotográfica que recolle exemplos significativos dos avances científicos que nos últimos anos contribuíron a mellorar a vida das persoas grazas a que hai 50 anos, a Asociación decidise apostar pola investigación.
A exposición “50 anos cambiando a historia do cancro” mostra un total de 12 fitos nacionais importantes, entre os que se atopan as investigacións da Dra. Marisol Soengas, os notables achados realizados polo seu equipo permitiron conseguir grandes avances na loita contra o melanoma, como o desenvolvemento dun novo tratamento que mellora a efectividade da inmunoterapia nos pacientes con cancro. Ou os resultados do grupo do Dr. Antoni Castells na investigación en cancro de colon demostrando a eficacia do test de sangue oculto en feces para a detección precoz deste tumor. Ademais tamén se mostran dous fitos pertencentes á provincia de Pontevedra entre os que se atopan o Dr. João M. Fernandes e a Dra. Mónica Martínez.
Fitos como a técnica da biopsia líquida do Dr. Fernandes, unha análise de sangue que permite axudar a atopar rastros dun tumor no organismo como o seu ADN, moléculas ou mesmo as súas células. O Dr. Fernandes estuda as características das células do tumor que circulan polo sangue e como se relacionan coa agresividade do tumor no cancro de colon.
Grazas ao apoio da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, a Dra. Mónica Martínez estudou certas alteracións no ADN das células tumorales e a súa implicación no desenvolvimiento do cancro, especialmente no de pulmón, colorrectal e de cabeza e pescozo. O proxecto continúa e agora a Dra. Martínez leva a súa propia liña grazas a unha nova axuda da Asociación.
A mostra poderá gozarse ata o 3 de outubro, nas inmediacións da Alameda de Redondela
Inauguraron a exposición: a presidenta da Asociación Española Contra o Cancro en Redondela, Amparo Alonso e voluntarias da sede local acompañadas do Vicepresidente da Sede Provincial, Carlos Sahuquillo, a Alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a concelleira de Servizos Sociais, Iría Vilaboa.
A supervivencia, reto da investigación en cancro
En 1971, nun momento no que a sociedade non estaba tan concienciada da importancia que tiña a ciencia no coñecemento das enfermidades, a Asociación creou a Fundación Científica da AECC co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con cancro e de aumentar a supervivencia desta enfermidade.
Nesta metade de século avanzouse en programas de detección precoz, o que facilitou realizar diagnósticos temperáns, conseguíronse mellores tratamentos, máis eficaces e cada vez menos invasivos, o que supuxo mellorar a supervivencia en cancro, que foi aumentando progresivamente.
En 1953, a supervivencia a 5 anos de media para os distintos tipos de cancro era do 25%. Actualmente, a supervivencia a 5 anos aumentou ata o 55,3% en homes e o 61,7% en mulleres, grazas aos avances conseguidos por miles de investigadores e investigadoras. Cancro de mama, por exemplo, é un dos tumores máis investigados e que hoxe conta con métodos de detección precoz, o que fixo que a supervivencia a 5 anos nesta enfermidade estea preto do 90%.
Con todo, aínda quedan moitos fitos que alcanzar, como reducir a inequidad que existe entre as persoas con cancro respecto a a investigación, pois hoxe en día hai tumores con supervivencia baixa ou estancada dos que en 2020 foron diagnosticadas máis de 100.000 persoas. Nese sentido, é necesario que todos os tumores sexan investigados, pois hai evidencia de que, en xeral, aqueles tipos de cancro con mellores datos de supervivencia tamén contan cunha maior investigación. Tamén hai inequidad no acceso aos resultados de investigación e, desde a Asociación, pídese que, calquera paciente, estea onde estea, teña acceso ao mellor tratamento indicado para o seu tipo de cancro. Para iso, os profesionais deben poder acceder aos últimos coñecementos e avances en investigación, participación en proxectos de investigación e ensaios clínicos
Nestes 50 anos a AECC investiu esforzos para dar resposta aos grandes retos do cancro, impulsando no seu momento, o talento de mozos que hoxe son líderes internacionais. Hoxe en día a entidade conta con 1.000 investigadores en 401 proxectos, por un total de 79 millóns de euros. Escribiuse unha historia grazas a millóns de persoas que coas súas achegas fortaleceron a investigación en cancro. Xunto á sociedade, a AECC seguirá investigando, para seguir salvando vidas e seguir cambiando a historia do cancro.




