spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaRedondela proxecta transformar a vía férrea de Chapela en 'Senda Verde'

Redondela proxecta transformar a vía férrea de Chapela en ‘Senda Verde’

Redondela proxecta transformar a vía férrea de Chapela en 'Senda Verde'Unha vez rematada, a senda ofrecerá un lugar de esparexemento para a cidadanía e contará con dúas zonas diferenciadas: un carril bici de dobre sentido e unha zona peonil

A Senda Verde de Chapela, un dos primeiros expedientes aprobados polo actual Equipo de Goberno, comeza a tomar forma logo do informe favorable emitido polos servizos técnicos municipais e á espera das autorizacións sectoriais de Augas de Galicia e Estradas da Xunta de Galicia.

A actuación prevista cumprirá un dobre obxectivo. Por unha banda dará novo uso ao antigo trazado ferroviario ofrecendo á cidadanía un lugar de esparexemento, deporte e fomentando a vida saudable. Doutra banda rematarase coa histórica división de Chapela pola liña de ferrocarril  ao dotarse de contido ao antigo apeadeiro, converténdoo nunha praza de conexión entre as dúas zonas.

As obras, que contan cun investimento de 778.000 euros e se iniciarán no límite co Concello de Vigo, permitirán a creación dun sendeiro de 1,6 quilómetros que rematará na zona da estación de Chapela, onde se creará unha gran praza pública que será o centro neurálxico da Senda Verde.

Redondela proxecta transformar a vía férrea de Chapela en 'Senda Verde'

O trazado estará formado por dúas vías diferenciadas, unha para uso peonil e un carril bici de dobre sentido de circulación. A Senda contará, ademais, con zonas de descanso e vexetación.

O Equipo de Goberno subliña a importancia dunha actuación que, “amais de ofrecer un novo espazo de lecer á veciñanza, remata coa tradicional ‘división’ desa zona de Chapela”.

Digna Rivas chamaba a atención sobre a importancia que esta senda verde terá “non só como elemento redutor da contaminación e dinamizador dunha vida saudable, senón como xeito de poñer en valor, a través dun espectacular paseo peonil, o noso patrimonio medioambiental, cultural, arquitectónico e histórico”.

A Senda Verde supón polo tanto, “un paso para a recuperación e mellora medioambiental do municipio e un exemplo de recuperación de espazos para á cidadanía” engade a rexedora local.

A presente actuación cun orzamento de 778.000 euros, está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80 % dentro do Programa Operativo FEDER Plurirrexinal (POPE) 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible.

- Publicidade -spot_img