spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaRedondela programa un fin de semana cheo de actos con motivo do...

Redondela programa un fin de semana cheo de actos con motivo do Día da Muller

Redondela programa un fin de semana cheo de actos con motivo do Día da MullerA programación da Concellería de Muller de Redondela inclúe unha mesa de debate con presenza de varias mulleres 

O Concello adiántase ao Día da Muller que se conmemora o domingo día 8 con diferentes actividades que se desenvolverán o vindeiro venres organizadas dende a Concellería que preside a alcaldesa, Digna Rivas. Unha mesa redonda, con presenza de mulleres de diferentes idades procedentes do IES San Simón e dos Centros de Día, centrarán o acto institucional que se desenvolverá no Multiúsos a partir das 11:00 horas.

Nesta mesa as participantes reflexionarán sobre as súas vivencias así como sobre os cambios experimentados na sociedade nas últimas décadas.

Tamén nese acto farase visible un mural composto por centos de imaxes de mulleres e que leva por nome “A muller da miña vida” e no que a propia alcaldesa apunta a súa participación cunha fotografía da súa bisavoa.

Na fin de semana o programa da Concellería da Muller déixanos unha proposta teatral con “Loló e Mamá” da compañía De Ste Xeito Producions, que se poderá ver no Multiúsos o sábado ás 20:00 horas. O domingo haberá microteatro con Arantxa Treus e o seu “Teatro sorpresa”.

Unha das novidades máis salientables é a programación continuada dos “Petiscos en igualdade” unha proposta cultural que se desenvolverán a partir do sábado 14 na praza da Constitución con actuacións de mulleres redondelás que abordan diferentes campos artísticos. As actuacións serán os sábados ás doce do mediodía e o obxectivo da Concellería é darlle continuidade no tempo.

Digna Rivas salientou tamén a programación que se desenvolve nos centros educativos, con “Contos con final alternativo” nos colexios e a proxección de Matria nos institutos, onde o alumnado terá a posibilidade de conversar co seu director, Alvaro Gago. Tamén se inclúe nesta programación escolar a exposición dos Galp “O mar tamén ten mulleres”.

Dende o Concello insisten na idea de que se está a traballar xa noutras actividades co obxecto de darlle continuidade a esta programación. Neste sentido teñen previsto desenvolver no mes de abril un evento en torno ás mulleres e o deporte.

PROGRAMA DE ACTOS

Acto institucional polo 8 de Marzo Día internacional da muller.
Venres 6 de marzo, ás 11.00 horas, no Multiúsos da Xunqueira.

Teatro Loló e mamá.
Sábado 7 de marzo, ás 20.00 horas, no Multiúsos da Xunqueira.

Teatro Sorpresa.
Domingo 8 de marzo, ás 20.00 horas, no Multiúsos da Xunqueira.

Mulleres en acción. Violencia zero.
DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
SOMDOLILÁ.
Martes 10 de marzo, ás 12.30 horas, na Praza do Concello.

Petiscos en igualdade.
Miriam, coa colaboración de La Franga e Noche de Ronda.
Sábado 14 de marzo, ás 12.30 horas, na Praza da Constitución.

Puchy Gotero e Carolina Sertal.
Sábado 21 de marzo, ás 12.30 horas, na Praza da Constitución.

33RPM.
Sábado 28 de marzo, ás 12.30 horas, na Praza da Constitución.

PROGRAMACIÓN NOS CENTROS EDUCATIVOS.

Contos con final alternativo.
Centros de educación primaria.

Proxección de Matria, de Álvaro Gago.
Institutos de ensinanza secundaria.

- Publicidade -spot_img