Ruta do Xeito, Ruta do marisqueo a pé, e Ruta do Porto, propostas da Concellería de Turismo para poñer en valor a estreita vinculación do municipio coa súa enseada e as súas xentes de mar
A Concellería de Turismo do Concello de Redondela, que xestiona María Castro, poñerá en marcha un programa de rutas guiadas de cara a poñer en valor a estreita vinculación de Redondela coa actividade mariñeira e marisqueira “un dos elementos máis importantes da dinamización económica do municipio”, asegura a alcaldesa Digna Rivas.
As rutas guiadas, en colaboración coa asociación Amarturmar, desenvolveranse baixo o nome xenérico de Redondela Mariñeira e están directamente relacionadas coa actividade pesqueira e marisqueira da enseada de San Simón coa intención “de poñer en valor tanto a contorna incomparable que ofrece a enseada como a actividade económica que se desenvolve nese espazo único”, explica a alcaldesa.
Así, a Ruta do Xeito, que terá lugar os días 22 e 29 de xullo, permitirá coñecer de preto a actividade relacionada coa pesca da sardiña e da xouba na ría de Vigo.
Pola súa banda, a Ruta do Marisqueo a pé, –13 (10:30 h) e 27 de agosto (10 h) e 10 de setembro (10 h) e 24 de setembro (9:30 h)– permitirá que as persoas participantes poidan tomar contacto co traballo diario das mariscadoras.
Finalmente, logo de coñecer a actividade da pesca e marisqueo, unha última ruta, a Ruta do Porto, que se desenvolverá o días 2 (10 h), 15 (19 h) e 30 (10 h) de xullo, será a que ofrece un interesante percorrido pola lonxa de Cesantes e coñecer o traballo que alí se desenvolve.
Así, en tres rutas con datas compatibles para permitir que as persoas interesadas poidan participar nas tres, o Concello de Redondela da protagonismo “ao traballo, duro e sacrificado que fan os nosos homes e mulleres, estreitamente vinculados ao mar, e que contribúen a dinamización do tecico económico do municipio”, asegura Digna Rivas.
Todas as actividades son gratuítas aínda que con prazas limitadas, polo que será preciso realizar reserva previa no teléfono 621 020 775 ou no correo electrónico amarturmar@gmail.com