O Concello de Redondela aprobou, no Pleno do día 27 de febreiro de 2020, declarar o Ano das Mulleres de San Simón. Unha homenaxe á rede de solidariedade, integrada por mulleres, que socorreu os presos políticos detidos na illa.
A situación de pandemia impediu celebrar os actos previstos ao longo de 2020. Por iso, o Concello decidiu alongar neste 2021 a homenaxe. As actividades programadas recollen exposición fotográfica, obradoiros escolares ou unha homenaxe pública ao conxunto de mulleres solidarias.
Onte 23 de abril, foi o día da inauguración, na Alameda Castelao, da exposición As Mulleres da Illa, unha mostra que pretende, a través das imaxes e os textos explicativos, ser un recordatorio permanente ao valor amosado por estas mulleres, que foron quen de ser un punto de apoio tanto para os presos coma para a súas familias.
Na inauguración da mostra, na que participaron concelleiros e concelleiras da corporación e tamén familiares das mulleres homenaxeadas, a alcaldesa, Digna Rivas, salientou que se “saldaba así unha débeda que Redondela tiña con estas mulleres que dende 1936 a 1943, cando os presos políticos estaban na illa, puxeron en perigo a súa vida na dura época da represión para axudar a outros”. “Estas mulleres – continuou Rivas- teceron unha rede solidaria en tempos moi difíciles e os redondelans temos que sentir orgullo polo seu labor”
Coñecidas como “lavandeiras” ou “madriñas”, Rivas lembrou que estas mulleres non se limitaban a lavar a roupa dos presos da illa, senón que “tamén lles levaban comida, medicamentos, e servían de intermediarias para levarlles a correspondencia das súas familias dando mostras dunha gran humanidade”
A exposición permanecerá na Alameda Castelao ata finais de maio, e logo terá carácter itinerante polo resto das parroquias para que toda a veciñanza poida vela. En xuño trasladarase a Cesantes, e ao longo de verán percorrerá outras zonas do municipio. Rivas agradeceu o traballo de persoas e colectivos que fixeron posible esta mostra, como o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, o Colectivo Republicano, fotografía Cal 3, Cecilia Orge, Antonio Orge, Manolo Puga ou o técnico do Servizo de Normalización Lingüística Xurxo Martínez, entre outros.
HISTORIA
A illa de San Simón converteuse nun campo de concentración entre 1936 e 1943. Alí estiveron presos arredor de 6.000 homes por causas políticas. Algúns deles foron sacados para seren fusilados e os seus corpos aparecer nas cunetas.
En 1938 fondeou o buque Upo Mendi reconvertido nunha cadea boiante. Máis de medio millar de presos viviron neste barco en condicións penosas. A imaxe que ofrecía a enseada era terrible.
As Mulleres da Illa levaban comida, remendaban roupa, conseguían mantas, levaban cartas agochadas pero sobre todo, foron seres humanos que ofreceron o pouco que tiñan para axudar aos que máis o necesitaban.
Neste tempo de terror existían unhas necesidades básicas. As mulleres de Redondela foron un verdadeiro punto de apoio tanto para os presos como para as súas familias. Esta solidariedade foi esencial para moitas persoas que vivían unha época tan dolorosa e durante a cal a vida pendía dun fío. As doenzas, a mala alimentación ou a falta de hixiene provocaron numerosas mortes.
As chamadas “madriñas” non foron só lavandeiras. Tamén levaban comida, remendaban roupa, conseguían mantas, trasladaban cartas, ofrecían menciñas… Pro sobre todo foron seres humanos que ofreceron o pouco que tiñan para axudar a quen máis o necesitaba.
Axudar os presos políticos en plena guerra era un xesto valente e arriscado. A represión en Redondela e arredores fora moi dura. Pero nada impediu que a solidariedade se impuxese ao medo. Realmente, as mulleres de San Simón foron verdadeiras heroinas en época de violencia.
Esta foi unha das realidades que viviu Redondela na posguerra. As lembranzas quedaron vivas en moitas familias. Algunhas gardan, coma tesouros, agasallos feitos polos propios presos como forma de agradecemento. Houbo presos e madriñas que, tras saír da cadea, se casaron. Algúns, chegados dende outros puntos da península, decidiron residir en Redondela. Porque en cada persoa hai unha historia detrás. E aquí contamos só un retallo da vida, valentía e heroicidade das mulleres de San Simón.