spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaRedondela desenvolverá un amplo programa do 8M “para que a loita pola...

Redondela desenvolverá un amplo programa do 8M “para que a loita pola igualdade non quede cinguida a un só día”

Redondela desenvolverá un amplo programa do 8M “para que a loita pola igualdade non quede cinguida a un só día”A programación do Día Internacional da Muller comezará o vindeiro 4 de marzo para alongarse ata o día 13 e chegar “a todos os sectores da sociedade como partes imprescindibles na loita pola igualdade”, afirma a alcaldesa Digna Rivas

A Concellería de Igualdade, que xestiona Iria Vilaboa, vén de ultimar un amplo programa para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, e poñer o foco de atención sobre a igualdade como eixo imprescindible acadar unha sociedade xusta. Serán 9 días de actividades variadas e dirixidas a todos os sectores da sociedade “como partes imprescindibles na loita pola igualdade” asegurou a alcaldesa Digna Rivas.

O programa, arrinca xa o vindeiro 4 de marzo, coa inauguración da exposición ‘Conquistadoras’ na Alameda Castelao ás 12:30 horas lugar dende o que Onda Cero emitirá en directo un programa a cargo de Susana Pedreira.

O día 6 de marzo, ás 12 horas, o Multiúsos da Xunqueira acollerá a inauguración da exposición de pintura de María Lapido ‘Do miúdo’.

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ás 12 horas terá lugar na Alameda Castelao a lectura do manifesto institucional para, un día despois, o 9 de marzo ás 18 horas, inaugurarse o mural ‘Praceiras pioneiras’ na Alameda Rosalía de Castro de Chapela.

O 10 de marzo, en dobre sesión de 10 horas e 12:15 horas e dirixido ás e aos escolares do municipio, o Multiúsos da Xunqueira será escenario do monólogo teatralizado A síndrome de Lis.

A programación do 8M do Concello de Redondela continuará os días 11 e 12 de marzo coas II Xornadas de Muller e Igualdade «Gemma Pereira Otero». Contarán estas xornadas, o 11 de marzo con tres actividades ben diferenciadas. Por unha banda, a Casa da Cultura de Redondela, situada na Praza Figueroa, acollerá entre as 19 e 21 horas as actividades do obradoiro 10 claves para emprender. Liderazgo feminino e autoxestión. Os e as mais cativas terán tamén unha actividades especialmente pensada para eles como é o contacontos Tanto conta, conta tanto, a cargo de Ana Facchini que terá lugar na Biblioteca Xela Arias de Chapela ás 18.30 horas e, finalmente este primeiro día das xornadas pecharase cun atractivo roteiro que percorrerá a Ruta das regateiras, con saída dende a Fonte de Santiago ás 19:30 horas.

O día 12 de marzo, segundo das Xornadas Gemma Pereira Otero, de 10 h a 14.30 horas o Multiúsos da Xunqueira acollerá o segundo obradoiro que, desta volta, levará por título Os medios de comunicación como axentes do cambio fronte a violencia machista. O peche ás xornadas o porá o monólogo Ellas bailan solas, ás 20 horas e tamén no Multiúsos da Xunqueira.

Por último, o día 13 de marzo o teatro será o encargado de pechar a programación do 8M de Redondela coa posta en escena de Bravas.

Pola súa banda, Radio Redondela desenvolverá ao longo de todo o mes unha programación especial co programa Recuperando as pezas que faltan ao mesmo tempo que, todos os primeiros luns de mes, dará continuidade a emisión do programa As mulleres contan. Percorrendo Camiño.

A programación do 8M de Redondela, tal e como apunta a alcaldesa Digna Rivas, “non queda cinguida a un so día ao igual que a loita pola igualdade non pode quedar limitada a actos puntuais”. Rivas lembrou a importancia de “traballar a prol da igualdade non só a través de celebracións ou conmemoracións, senón tamén no noso día a día e nas actividades cotiás que desenvolvemos”.

Nese sentido, a alcaldesa de Redondela que felicitaba á concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, polo traballo realizado á hora de desenvolver “un programa potente e atractivo”, lembrou que o Goberno local busca a “transversalidade en todas as súas áreas, de xeito que a igualdade estea sempre presente en todas e cada unha das iniciativas que levamos a cabo, independentemente da concellería ou departamento de que se trate”.

- Publicidade -spot_img