spot_img
InicioBaixo MiñoRecala en Tui a exposición “Nun lugar calquera” ao redor da trata...

Recala en Tui a exposición “Nun lugar calquera” ao redor da trata de persoas

Recala en Tui a exposición “Nun lugar calquera” ao redor da trata de persoasO anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, acolleu hoxe a inauguración da exposición fotográfica “Nun lugar calquera” sobre a trata de seres humanos que poderá visitarse até o día 15 de novembro

Revista COUSAS DE Nº15

A exposición está organizada por ACCEM, unha organización sen ánimo de lucro, apartidista e aconfesional que traballa para mellorar as condicións de vida das persoas en situación de vulnerabilidade. Conta coa colaboración do Concello de Tui a través das súas concellerías de Servizos Sociais e Cultura.

Esta mostra fotográfica está enmarcada no proxecto Novicom para fomentar o coñecemento, a sensibilización e a prevención ao redor da trata de seres humanos, e nace para achegar a través da cultura unha realidade sobre a que Accem quixo ampliar o foco e as miradas para comprender un fenómeno global que pode darse “Nun lugar calquera” da nosa cidade, do noso barrio, bloque de edificios. Nun lugar calquera de calquera lugar.

A trata de seres humanos é moitas cousas, unha forma moderna de escravitude, un grave delito, ou un dos negocios máis lucrativos. Pero sobre todo é unha grave violación dos dereitos humanos.

As fotografías que se presentan son resultado dun traballo feito desde o respecto, desde o coñecemento e desde o máis importante, a sensibilidade cara ao tema proposto. Raúl G. Domínguez desafiou a imaxe estereotipada da trata e puxo o foco en suxerir máis que mostrar, achegando o obxectivo todo ao máis cotián. É un reencontro coa realidade.

O proxecto Novicom, que propicia a realización desta exposición, está financiado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, e o Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI) da UE.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, esta exposición é unha chamada á sensibilidade da cidadanía sobre unha problemática, a trata de seres humanos, unha violación aos dereitos humanos que actualmente afecta arredor de 50 millóns de mulleres, homes, nenos e nenas que cada día son vítimas da trata e a explotación no mundo.

- Publicidade -spot_img