spot_img
InicioVal MiñorBaionaPreto dun centenar de persoas maiores e con discapacidade saen a navegar...

Preto dun centenar de persoas maiores e con discapacidade saen a navegar no MRCY de Baiona coa iniciativa ‘Amar o mar’

Preto dun centenar de persoas maiores e con discapacidade saen a navegar no MRCY de Baiona coa iniciativa 'Amar o mar'A cuarta edición do programa ‘Amar o mar’ reuniu, entre onte e hoxe, a case cen participantes vindos de residencias de maiores e centros públicos para persoas con discapacidade de Redondela, Ourense e Lugo. Trátase dunha iniciativa que o club baionés volve poñer en marcha en colaboración coa Consellería de Política Social

Preto dun centenar de participantes no programa ‘Amar o mar’ déronse cita onte mércores e esta mesma mañá en Baiona para gozar dunha iniciativa coa que a Consellería de Política Social e o Monte Real Club de Yates tratan de achegar o mar a persoas maiores e con discapacidade.

Nesta cuarta edición do ‘Amar o mar’ foron en total 96 participantes, entre usuarios e monitores dos centros, os que puideron gozar dunha xornada lúdica e recreativa. O grupo que participou nestas dúas xornadas de programa estivo conformado por persoas maiores das residencias Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, en Ourense, e As Gándaras, en Lugo, e do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Redondela ( CAPD), que se enmarca tamén no programa anual da Escola de Vela Adaptada do MRCYB. O certo é que algúns dos alumnos do CAPD que participaron nesta iniciativa xa realizaran cursos de vela anteriormente no club baionés.

Preto dun centenar de persoas maiores e con discapacidade saen a navegar no MRCY de Baiona coa iniciativa 'Amar o mar'

A actividade, que nacía en 2016 co obxectivo de axudar aos usuarios de residencias públicas do interior de Galicia a manter o nivel adecuado de benestar social e persoal, volveu a ter unha gran acollida este ano e hoxe contou co apoio e a presenza de José Ignacio Martínez, Xefe de Servizo de Dependencia e Autonomía persoal da Xunta; Concepción Vara, concelleira de Servizos Sociais, Movilidad e Accesibilidade do Concello de Baiona, e Óscar Martínez, tenente de alcalde de Baiona. Os tres estiveron acompañados polo presidente e vicepresidente do club, José Luis Álvarez e Alejandro Retolaza.

Tras a visita polas instalacións do club baionés, cara ás 12:30 horas os participantes do ‘Amar o mar’ dirixíronse aos pantaláns para embarcar e saír a navegar pola baía ata as proximidades das illas Cíes, achegándose así ao mundo náutico en contacto directo co mar. O programa incluíu, ademais, unha comida a bordo antes de regresar a terra.

Con esta iniciativa o Monte Real reafirma o seu compromiso coa loita pola integración social. Desde hai anos o club colabora coa administración en programas como o que se levou hoxe a cabo e conta, ademais, co seu propio programa de cursos da Escola de Vela Adaptada, destinada a ofrecer a posibilidade de gozar da vela a persoas con diversidade funcional de diferentes asociacións de Galicia.

- Publicidade -spot_img