spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPreséntase en Madrid a campaña '62 razóns para vir ás Rias Baixas'...

Preséntase en Madrid a campaña ’62 razóns para vir ás Rias Baixas’ promovida pola Deputación de Pontevedra

presentase-en-madrid-a-campana-62-razons-para-vir-as-rias-baixas-promovida-pola-deputacion-de-pontevedra

A institución provincial presentará mañá en Madrid o destino Rías Baixas a turoperadores e medios nacionais e especializados en turismo

A Deputación de Pontevedra dará a coñecer mañá no Espacio Atlántico de Pepe Solla en Madrid as 62 razóns, unha por cada un dos concellos da provincia, para vir ás Rías Baixas. A Presidenta da institución provincial, Carmela Silva, xunto co deputado delegado en turismo, Santos Héctor, deron a coñecer esta actuación, dirixida a turoperadores e medios nacionais e especializados en turismo, que promoverá os recursos e temas singulares que cada concello da provincia de Pontevedra seleccionou e aportou á Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento da campaña.

Carmela Silva subliñou que “coa participación de Rías Baixas en Fitur, iniciamos unha serie de accións de promoción do noso destino turístico escollendo como eixo a arquitectura contemporánea, acadando unha importante repercusión con máis de 60.000 visualizacións en Facebook, reportaxes en revistas especializadas en viaxes, decoración e arquitectura e presenza nos principais medios de comunicación nacionais”.

Nesta ocasión, tal e como manifestou Silva, “cada concello aportou un tema singular, xa sexa unha festa de interese turístico, un evento gastronómico, paisaxe e natureza, un ciclo de cinema… moitas e moi variadas razóns para vir ás Rías Baixas”. Estes temas incluíronse nun libro, deseñado polo funcionariado da área de comunicación da Deputación de Pontevedra, que será presentado mañá en Espacio Atlántico Casa de Comidas de Pepe Solla da man de Pepe Ribagorda, director de informativos Telecinco fin de semana, “gran coñecedor de Galicia e namorado das Rías Baixas”, tal e como asegurou a Presidenta da Deputación.

A institución provincial dará a coñecer as 62 razóns para vir ás Rías Baixas a turoperadores e medios nacionais e especializados, entre os que se atopan Barceló Congresos, Barceló Viaxes, España Visión, Grupo Airmet, Viaxes Gonza Tours, ITB Axencia de viaxes e eventos, Latam, Rumbo, Trotamundo, Viaxes 200, Viaxes Iguazu, revista Viajar, Conde Nast Traveler, Hola, Glamour, GQ, Guía del Ocio de El País, Infortursa, Nuevo Estilo, Love, Mía, Spain Gourmetour, El Confidencial, Vanitatis, www.gastronomoyviajero.com, www.viajacomeyrelaja.com; www.guiamaximin.com; www.vayaciudad.com ou www.cocinagallega.es. Amais, tamén participarán no acto promocional representantes de concellos da provincia de Pontevedra, da Asociación Hispano Xaponesa de Turismo e David Machado, recente gañador do Goya ó mellor son pola película “El desconocido” e que ten a punto de estrear “Toro” de Kike Maillo, rodada na cidade olívica. Ó respecto, Carmela Silva manifestou a aposta da institución provincial por “visibilizar que a provincia de Pontevedra é moi adecuada para a cinematografía”.

No transcurso do evento tamén se darán a coñecer aspectos que definen ás Rías Baixas como é o turismo natural, da man da camelia, flor do inverno; a música, destacando festivais musicais como o Festival do Norte, Sinsal, PortAmérica, Cultura Quente, Revenidas ou Atlantic Fest; arquitectura contemporánea e gastronomía, poñendo en valor tanto a calidade do produto de proximidade como a profesionalización do sector turístico da provincia de Pontevedra. Neste contexto, tal e como manifestou Carmela Silva, “queremos destacar tanto ós profesionais que xa contan cunha grande traxectoria, coma Pepe Solla, como ás mozas e mozos dos centros de formación profesional Manuel Antonio de Vigo e Carlos Oroza de Pontevedra, que nos acompañarán en  Madrid para preparar a sobremesa con Solla, e garantirán un futuro de calidade para o sector turístico da provincia de Pontevedra”.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.