
A Deputación colabora con Galaxia e a Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral na publicación deste conto, ilustrado por persoas con esta diversidade funcional
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado de Cultura, Xosé Leal, asistiu esta mañá en Vigo á presentación do libro “Elisa no mundo das marabillas”, elaborado pola Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP), editado pola Editorial Galaxia e que conta coa colaboración da institución provincial. O conto, que se enmarca tanto nas actividades do 40 aniversario da asociación como nas do Día Internacional do Libro celebradas conxuntamente entre a asociación e o CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Navia, reflexa fielmente unha persoa coa que os usuarios e usuarias de APAMP se identifican xa que transmite como se senten as mozas e mozos con parálise cerebral. Ao acto tamén asistiron a directora da APAMP, Concepción Somoza, o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
A Presidenta provincial, Carmela Silva, asegurou que “téñense escrito e publicado moitos contos, pero non hai ningún tan fermoso como este e por iso vai ser o agasallo que lles vou facer a todas as nenas e nenos que coñezo”. Silva sinalou que “este é un libro cheo de cores, feitos por artistas e do que calquera dos seus debuxos podería estar en calquera exposición”.
A protagonista do libro é Elisa, unha muller valente, con moita vitalidade e forza, alegre, soñadora, de mirada intensa, e que emprega unha cadeira de rodas para poderse mover, xa que ten parálise cerebral. Elisa decide percorrer o mundo na súa “casa rodante”, para así poder descubrir novas aventuras á vez que axudar á xente que, ao igual ca ela, se sente diferente. Elisa é capaz de conseguir todo aquilo que se propón e ten como obxectivo diario a súa superación persoal.
Silva sinalou que “a súa historia é a máis fermosa que pode ser contada: a dunha árbore á que lle quedaba moito por medrar e tiña problemas para ser visibilizada, a dun ciclista que non foi quen de gañar unha carreira e o abandonaron…” e, por suposto, “a historia da grande Elisa, que cría en que se pode crear un mundo das marabillas e é certo, porque ese mundo é aquel no que todas e todos sabemos que somos únicas e únicos e diferentes”. Carmela Silva asegurou que “todas e todos temos moito que achegar e hoxe vós fixéstesnos chegar algo que quedará para a historia, un conto marabilloso feito polo mellor desta cidade. Estas son as ideas que valen a pena porque son as que cambian o mundo e o fan un lugar mellor”.
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, que lembrou que este libro contou cunha axuda do seu departamento dentro da liña da promoción do uso do galego, parabenizou a todas as persoas que participaron na súa creación e realización. “É moi importante que toda a sociedade sexa consciente das vosas capacidades e que coñeza como é o voso mundo, e a través deste conto podedes transmitirlle valores realmente inclusivos”, sinalou Leal. O deputado provincial tamén fixo fincapé en que “Elisa no mundo das marabillas” se situou no segundo posto na lista dos libros máis vendidos na comarca de Vigo, e animou a todos e a todas as presentes a “seguir difundíndoo para acadar o primeiro posto”.
O conto foi elaborado por ata un total de 30 persoas usuarias de APAMP, que elaboraron as ilustracións axudándose de pictogramas coa coordinación da monitora do obradoiro artístico do seu centro residencial. Deste xeito, empregando pinceis (coas mans ou cos pés) ou mesmo esponxas empapadas de pintura, puideron definir as personaxes e as aventuras que vive Elisa ao longo da súa historia.



