O concurso europeo Galileo Masters, é promovido pola Axencia Espacial Europea, o Centro Aeroespacial Alemán, o Ministerio alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais, a Xunta de Galicia e o Proxecto BELS, e que ten como socio principal en Galicia á Zona Franca de Vigo, ten como obxetivo premiar as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións neste eido que incidan de forma positiva na vida cotiá dos europeos.
A presentación en Galicia do premio europeo de navegación por satélite Galileo Masters, contou coa presenza deTeresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, xunto co director da Axencia Galega de Innovación-GAIN, Manuel Varela. O Galileo Masters, premia as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións neste eido que incidan de forma positiva na vida cotiá dos europeos. A Xunta se ten sumado este ano aos premios, converténdose en socio da Axencia Espacial Europea, o Centro Aeroespacial Alemán, o Ministerio alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais, o proxecto europeo BELS e, no eido galego, a Zona Franca de Vigo.
O premio conta con premios rexionais e internacionais, aos que o Goberno galego suma un galardón específico no eido dos avións non tripulados e as súas aplicacións no ámbito civil, que pon en marcha da man dos seus socios no polo de Rozas, Indra e Inaer. Este premio alíñase como reforzo para colocar a Galicia como referente internacional na xeración e captación de ideas e aplicacións neste sector emerxente.
O gañador deste premio recibirá un paquete de apoio integral para axudar no desenvolvemento da súa idea, que inclúe un apoio económico de 3.000 euros; acceso ás infraestruturas do aeródromo de Rozas; cooperación co Centro de Tecnoloxía de Rozas, o Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeroespacial-INTA e Centro de Investigación Aerotransportada (CIAR); acceso a servizos de incubación; contacto con Indra e Inaer; así como a promoción a través do polo. Ademais, o gañador terá a oportunidade de ser preseleccionado para a rolda anual de investidores na aceleradora ViaGalicia.
O concurso, aberto ata o 30 de xuño, conta ademais con preto de 30 premios rexionais que se outorgarán por toda Europa, entre eles un en Galicia, onde o socio principal da competición é o Consorcio da Zona Franca de Vigo en colaboración coa Universidade de Vigo, a Axencia Galega de Innovación, a empresa Marine Instruments e os centros de investigación AtlantTIC e Campus do Mar.
“O Consorcio da Zona Franca premiará ao gañador rexional de Galicia cun ano de incubación nun dos parques empresariais do Consorcio de Vigo, o que inclúe ademais do espazo físico, asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, servizos administrativos e xerais, coaching de negocios, consultoría, avaliación e formación, estudos de mercado e orientación económica”, destacou hoxe durante a presentación Teresa Pedrosa, Delegada do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo.
Pedrosa subliñou que “a colaboración entre a Xunta e o Consorcio da Zona Franca está realmente axudando a impulsar un sector de gran futuro para Galicia. A Xunta, desde Rozas e Zona Franca desde o parque empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, estamos a levar a cabo iniciativas complementarias cuxos resultados veremos nun prazo curto de tempo”.
Os gañadores dos premios rexionais e especiais, que suman arredor de 30 galardóns concorrerán polo premio internacional. En total, o concurso repartirá este ano máis de un millón de euros en premios. Esta é a segunda participación de Galicia no concurso, despois de que o ano pasado ocupase a undécima posición de 24 rexións participantes. Dúas ideas galegas quedaron finalistas dos premios internacionais outorgados pola Axencia Espacial Europea e a Axencia Europea de Navegación Vía Satélite, amosando a capacidade innovadora dos emprendedores da comunidade.




