spot_img
InicioGaliciaPresentación do proxecto ‘O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda’

Presentación do proxecto ‘O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda’

Presentación do proxecto ‘O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda’O director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González Palau, a sinóloga Marola Padín e a concelleira de Promoción da Cidade de Pontevedra, Anabel Gulías, presentaron onte o proxecto ‘O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente’ na Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (Casa das Campás)

O concello pontevedrés é un dos consistorios galegos que apoia esta proposta, xurdida da convocatoria ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia, un feito que Palau destacou sinalando a oportunidade que supón a investigación de cara a “promover o Camiño Portugués entre a poboación chinesa”. “O obxectivo é buscar puntos de encontro entre Oriente e Occidente que favorezan novas oportunidades turísticas, culturais,  económicas e académicas”, sinalou o director do IGADI.

“O Camiño Portugués é unha das rutas máis populares do Camiño de Santiago e a segunda en número de peregrinos (81.663 en 2018, contando os peregrinos do Camiño Portugués da Costa), despois do Camiño Francés (186.199),  o que supón unha vantaxe á hora de promover dito itinerario en China”, apuntou Palau.

Pola súa banda, Marola Padín destacou que en Galicia “temos moito que dar a coñecer nun país tan grande como China”, facendo referencia á riqueza cultural do territorio galego, ao Camiño de Santiago e ao Xacobeo 2021 como fonte de inspiración.

Por outro lado, a concelleira de Promoción da Cidade fixo referencia á súa propia área como ferramenta para dar a coñecer a Pontevedra no mundo con especial relevancia nos países asiáticos. “A nosa aportación abriu un marco global no eido local que está a traer moitos beneficios para a cidade”, declarou.

Anabel Gulías xustificou tamén o apoio a este proxecto “porque encaixa coa filosofía do Concello de Pontevedra sobre o que debe ser a Acción Exterior Galega e o papel referencial que deben ter as cidades no ámbito internacional e porque se trata de potenciar un dos maiores atractivos da cidade, o Camiño Portugués”.

Conferencia internacional

Marola Padín adiantou, ademais,  a data da conferencia na que se presentarán as conclusións do proxecto, o venres 17 de abril no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. Nestas xornadas prevese a participación de institucións galegas, chinesas e europeas para abordar as relacións Galicia – China.

Neste sentido, Palau adiantou que xa se realizaron diversas entrevistas a axentes galegos e chineses que están a arroxar luz sobre as conexións existentes entre o Camiño de Santiago e a Ruta da Seda. Amais desta información relevante, a investigación aspira a identificar unha rede galego-chinesa de natureza académica, sociocultural, turística e mesmo espiritual, para fortalecer as conexións co xigante asiático no horizonte do s. XXI.

Outro dos seus obxectivos é realizar unha revisión bibliográfica arredor do Camiño de Santiago e a Ruta da Seda que complemente a investigación de cara a identificar as fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas dos vínculos entre Galicia e China, e definir así un plan de actuación para situar o Xacobeo 2021 no país asiático.

De rutas e camiños

‘O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente’ está inspirada no artigo “De rutas e camiños no S.XXI” (2015), do fundador e Presidente de Honra do IGADI, Xulio Ríos, e ademais da do Concello de Pontevedra, conta coas achegas dos consistorios de A Coruña, Santiago e Lugo, así como coa colaboración de Casa Asia, entidade dependente do Ministerio de Relacións Exteriores do Estado.

Sobre o IGADI

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) é un think tank independente que nace en 1991 cun dobre propósito: reflexionar sobre os problemas e tendencias da sociedade internacional contemporánea e pular por unha maior inserción de Galicia no mundo a todos os niveis.

- Publicidade -spot_img